Feijóo lanza un Tik Tok con recomendacións "para poder vivir e non para distraerse"
No vídeo Feijóo anuncia que o PP presentará no Congreso dos Deputados unha nova iniciativa que pedirá a rebaixa do IVE dos ovos
O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, publicou un novo vídeo en Tik Tok, no que fai "recomendacións para poder vivir" e chegar a fin de mes e non "para distraerse", en referencia a outro vídeo que recentemente subiu a esta plataforma o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, co fin de aconsellar lecturas de fin de semana.
Con aire desenfadado, Feijóo reaparece este domingo en Tik Tok para lamentar que o Goberno non baixase o IVE da carne, o peixe e as conservas, e para anunciar que o PP presentará no Congreso dos Deputados unha nova iniciativa que pedirá a rebaixa do IVE dos ovos.
"Hai recomendacións para distraerse, e están ben, pero permitídeme que hoxe as miñas sexan para poder vivir", di no vídeo no que critica que o executivo non faga caso á proposición non de lei do PP aprobada no Parlamento e que pedía baixar o IVE de determinados alimentos.
Feijóo incide en que a carne e o peixe subiron máis dun 40% e "o Goberno non fixo caso e agora hai que sumar outros produtos como os ovos, que subiron un 78% e por iso volverémolo levar, para que se vote".
"Xa bastante complicado está todo para que con máis e máis impostos llo poñan aínda máis difícil a quen só queren chegar a fin de mes", sinala tras ironizar coa súa aparición ns redes para recomendar medidas para vivir.