Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Concello do Porriño invita o papa a que visite a terra dos seus antepasados

O Concello do Porriño invita o papa a que visite a terra dos seus antepasados

A carta coa invitación foi entregada por Ángeles Costa, da Fundación DisCamino, durante a audiencia xeral de León XIV en Roma

A familia materna do pontífice procede da parroquia porriñesa de Torneiros 

Momento en que a galega Ángeles Costa lle entrega a invitación a León XIV
G24.gal 05/06/2026 15:13

A poucas horas de que León XIV aterre en España, desde o Concello do Porriño lograron facerlle chegar en man unha invitación, para que visite "a terra dos seus antepasados", e un anaco de pedra da localidade.

Ángeles Costa, da Fundación DisCamino, foi quen entregou ao Papa a invitación durante un encontro na súa audiencia xeral, celebrada en Roma o pasado mércores 3 de xuño, un feito do que se fai eco VaticanNews.

"O papa xa ten a nosa invitación, un anaco de pedra do Porriño, un anaco do noso corazón que sabemos que lle chegou", dixo, nunha mensaxe colgada nas súas redes sociais, o rexedor, Alejandro Lorenzo.

O alcalde agradeceu a axuda de Ángeles Costa e de DisCamino nesta misión que "fará posible que o Papa veña aquí, á súa terra".

A León XIV fíxolle moita ilusión o agasallo 

A propia Ángeles Costa contou que, antes de entregarllo, díxolle ao papa que o que portaba era "un agasallo das orixes da súa nai" e que a León XIV "fíxolle ilusión".

O agasallo do Concello do Porriño é un monolito de pedra rosa das canteiras da localidade, coa vieira do Xacobeo e o punto quilométrico do municipio dentro do Camino de Santiago.

Xunto a esta ofrenda, o consistorio fixo chegar a León XIV unha carta na que lle expresan a súa admiración e trasládanlle unha invitación formal para que visite O Porriño e "coñeza parte das súas orixes".

A invitación alude ás investigacións desenvolvidas polo cóengo arquiveiro da catedral de Tui, Avelino Bouzón Gallego, que determinou que os antepasados maternos do pontífice proceden da parroquia porriñesa de Torneiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade