O CHUS realiza a primeira cirurxía percutánea renal nunha muller embarazada en España
A muller operada estaba na súa 28 semana de xestación
O Hospital Clínico Universitario de Santiago realizou con éxito a primeira cirurxía percutánea que se fai en España de cálculos renais nunha muller embarazada. É unha intervención moi excepcional. De feito, no mundo só se fixeron 16.
O caso galego ten outra relevancia, como responsable da Unidade Endouroloxía e Litiase do Servizo de Uroloxía da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Daniel Pérez Fentes, "a outra novidade que engadimos, á parte de facelo por primeira vez en España, é que nós non fixemos a cirurxía guiados por raios X. Evitamos toda radiación ao feto usando unicamente ecografía. En moitos destes casos que se fixeron na literatura mundial utilizaban aínda raios X, que é o xeito máis sinxelo de facer o guiado da operación".
A muller operada en Santiago estaba na súa 28 semana de xestación. Desde o principio do embarazo tiña un cálculo que lle bloqueaba o ril e colocáronlle un catéter. O normal é adiar a cirurxía ata despois do parto. Pero o catéter calcificouse e puxo en risco a paciente e o feto.
Daniel Pérez Fentes concreta que "o que fixemos realmente foi un orificio no ril de cinco ou seis milímetros para poder entrar directamente, e cunha cámara e con láser e outro tipo de enerxía fragmentar o cálculo e extraer o catéter de forma enteira. Despois, con outra cámara a través da uretra do paciente, sen facer ningún orificio, puidemos revisar ben o uréter e todas as cavidades renais e estar seguros de que non quedaba ningún cálculo dentro do ril".
A intervención referenda a experiencia da unidade de Santiago, referente no tratamento de cálculos e control ecográfico, e do apoio do servizo de obstetricia. En dous días a paciente volveu á casa e todo vai ben na súa 31 semana de embarazo.