O Celta Fortuna perde en Amorebieta contra o cabeiro (4-3) e queda case sen opcións de promoción
Os de Fredi adiantáronse, pero o Amorebieta deulle a volta ao resultado
A derrota deixa ao filial a cinco do play off con só dúas xornadas por diante
O Celta Fortuna volveu deixar lonxe de Vigo o que acada na casa e, cunha dura derrota no campo do pechacancelas, xa descendido, afástase case de xceito definitivo da posibilidade de disputar a promoción de ascenso á Segunda.
O partido de Uritxe comezou de xeito inmellorable para o Fortuna, que se adiantaba na súa primeira aproximación á área. Foi cunha bonita xogada colectiva que culminaba Óscar Marcos cun remate a boa de xerro ao primeiro toque.
Pero o cabeiro reaccionou, e de que xeito. Deulle a volta ao marcador en só catro minutos. Primeiro empatou nunha acción afortunada á saída dun córner. Despexou Manu Fernández, o balón rebotou en Burcio e acabou na rede. E, aínda no minuto 13, chegaba o 2 a 1, nunha perda na saída de balón céltica que aproveitou Masllorens cun axustado remate desde a frontal. Sen capacidade de reacción por parte celeste, no minuto 34 chegaba o tres a un. Foi nunha contra que culminou Pablo Hervías cun remate cruzado sobre a saída de César, titular en Urritxe.
Os últimos minutos da primeira metade foron do Celta Fortuna, que gozou de senllos remates nas botas de Burcio e Hugo González, pero non puido achegarse no marcador antes do descanso.
Na segunda metade, a entrada de Antañón deulle un impulso extra á ofensiva dos de Fredi, que se fixeron donos do partido e acabaron reducindo diferenzas. Foi contra o cuarto de hora, cando o propio Antañón asistía a Hugo González, que cruzaba á rede. Tivo outra Antañón, que rematou lambendo o pau, e os vigueses seguiron apertando á busca da remontada para manterse con opcións de promoción. Pero o Amorebieta aproveitou unha contra para matar o partido. Foi no minuto 68 cando Álvaro Marín batía por abaixo a César, facendo inútiles os esforzos dos de Fredi que, malia a todo, seguírono intentando, como nun remate de Guedes que rexeitou abaixo Unai Marino.
O definitivo 4-3 chegou xa demasiado tarde, logo dun penalti por mans que transformou Gael Alonso xa no minuto 95’. A derrota é case definitiva para as aspiracións de promoción do filial, que está a 5 puntos do 5º e con so 6 por disputar.