Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Celta Fortuna golea ao Cacereño (3-0)

O Celta Fortuna golea ao Cacereño (3-0)

Dominio absoluto dos canteiráns ante un dos mellores equipos a domicilio

O filial celeste consolida a súa segunda posición

Os de Fredi quedan a 6 puntos do líder, o Tenerife

G24.gal 17/04/2026 18:37

O Celta Fortuna goleou en Balaídos o Cacereño e consolida a segunda praza. O equipo de Fredi saíu dende o comezo a dominar o partido e xa aos 10 minutos se puxo por diante no marcador. O central do Cacereño, Adrián Crespo, empurraba cara a súa portería un centro e batía o seu porteiro. O filial celeste atopaba pronto a vantaxe e seguíu buscando aumentala. Burcio a piques estivo de facer o segundo no minuto 24 pero o seu disparo petou na cruceta da portería. 

O equipo estremeño dispuxo da súa mellor oportunidade á media hora, cunha dobre ocasión. Primeiro Berlanga esixíulle unha boa parada a Coke Carrillo e o rexeitamento do porteiro vigués caeulle a Diego Gómez que mandou por riba dos tres paus. Co 1-0 a prol dos vigueses chegouse ao descanso. 

Na segunda metade, o Cacereño, que xoga pola permanencia, buscou con maior intensidade a portería do Celta Fortuna pero sen acerto. Ademais no minuto 65 o seu porteiro, Quevedo, enredouse na saída do balón o que propiciou a recuperación do filial celeste que en tres pases batía por segunda vez a meta estremeña. Álvaro Marín poñíalle o ramo a unha boa xogada dos canteiráns.

Fredi moveu o banco e o equipo non baixou revolucións, Ángel Arcos e Óscar Marcos puideron facer o terceiro ante un Cacereño que non puido demostrar en Balaídos que é un dos equipos máis perigosos a domicilio. Era cuestión de agardar e finalmente o gol chegou. Todo un golazo o que asinou Dela. Colleu o balón na frontal da área e colocouno na mesma escuadra da portería do Cacereño. 

Os máis de 1000 seareiros que se achegaron a Balaídos gozaron dun espléndido serán co seu equipo, que queda a 6 puntos do Tenerife.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade