O Celta Fortuna golea á Ponferradina (4-1) e ascende á Segunda División
Hugo González (2), Somuah e Capdevila, autores dos goles que pasarán á historia
O equipo vigués será o primeiro filial galego en xogar no fútbol profesional
O Celta Fortuna culminou uns anos exitosos cun ascenso histórico. A segunda división agarda ao filial celeste tras un contundente catro a un no partido de volta ante a Ponferradina logo do empate a cero da ida.
Ambiente de gala en Balaídos. 18000 afeccionados que gozaron dunha festa. O encontro comezou coa Ponferradina presionando ben arriba e dificultando o fútnol dos celestes. Pero os de Fredi evitaron as ocasións na súa portería e pouco a pouco tomaron o mando. E apareceron Antañón e Hugo González. Pase marabilloso do primeiro e gol do valenciano. O pichichi do Celta Fortuna resolveu con categoría para poñer o un a cero no marcador. Era o minuto 23. Un tanto que tranquilizou aos vigueses, que continuaron co seu dominio nos seguintes intres do encontro.
Hugo González foi un pesadelo continuo para os bercianos. Foi quen de levar perigo con asiduidade. Pero a Ponferradina non precisa de moito fútbol para que aparezan as súas oportunidades. E dun balón desde a portería chegou a primeira para os visitantes. Borja Vázquez non acertou co seu disparo. E pouco antes do lecer, no minuto 43, dunha xogada embarullada, naceu o gol do empate dos de Nafti. Un erro no remate de Calderón converteuse nunha asistencia perfecta para Borja Valle. Con tranquilidade, o dianteiro berciano logrou batir a Coke Carrillo. Así que a cousa volvía a igualarse. Tocaba sufrir desde a bancada e desde os palcos de Balaídos.
O primeiro cuarto de hoia da segunda parte trascorreu sen oportunidades e con moitas precaucións. Ata que volveu aparecer Antañón con outro gran pase, neste caso a Álvaro Marín, quen sufríu un claro penalti por parte de Undabarrena. Non o dubidou o colexiado. E tampouco dubidou Hugo González para coller o balón e transformar con mestría a pena máxima no minuto 64. 18 goles para él na temporada.
Quedaba moito por diante, e o Celta Fortuna manexou ben a situación. A Ponferradina non chegaba arriba con claridade. E claro, comezou a arriscar e a deixar espazos que os celestes non desaproveitaron. E así, no minuto 86 chegou a sentenza. Neste caso Hugo exerceu de asistente. E Somuah de executor. Golazo do ghanés que solventaba definitivamente a eliminatoria.
Euforia máis que xustificada en Balaídos, que aínda celebraría un gol máis no engadido. Logo dunha falta con cartón vermello para Cortés, Capdevila pechaba o marcador. Un contundente catro a un que non deixa lugar ás dúbidas A política de canteira do Real Club Celta obtén o premio gordo. O ascenso do equipo filial ao fútbol profesional. O Fortuna estará na categoría de prata do fútbol español.