O Celta e o Español homenaxean a Fernández Amado
O avó do xogador celeste Manu Fernández estivo catro temporadas en Balaídos e pasou ao Español, onde se converteu nun dos referentes do equipo durante seis campionatos
Como era habitual nos vellos tempos, o álbum da temporada 1975-76 tamén contou cun cromo imposible de conseguir. Foi o do ferrolán Manuel Fernández Amado, que nese verán acababa de ser traspasado do Celta o Español por vinte millóns de pesetas, o equivalente a 120.000 euros.
Conseguir a súa figura convertíase nun exercicio de fe para os rapaces que, como último recurso, acababan por pedila a editorial. Pasados os anos, a peza foi adquirindo un valor insospeitado ata o punto de acadar o prezo actual de 324,95 euros para poder rematar a colección.
Cincuenta anos despois daquel suceso, Fernández Amado acaba de ser homenaxado polo Español onde xogou durante seis temporadas nas que disputou 144 partidos oficiais, cinco deles na desaparecida Copa da UEFA, hoxe Europa League. Xunto a el estiveron presentes outras tres lendas do club. Longhi, Marañón e Solsona.
Ao acto tamén acudiron o seu fillo Manel, ex-xogador do Celta e o seu neto Manu, integrante do banco vigués. Os tres conforman unha familia de Primeira.