O Celta é o equipo que máis goles encaixa nos minutos finais
Entre o minuto 81 e o 90 das primeiras 26 xornadas, incluído o tempo engadido de cada partido, o equipo de Rafa Benítez encaixou 13 goles e marcou 5
Co gol recibido onte no minuto 99 do partido que igualou ante o Cádiz (2-2) no Novo Mirandilla, o Celta xa é o equipo da Liga que máis goles encaixa nos minutos finais dos partidos.
Entre o minuto 81 e o 90 das primeiras 26 xornadas, incluído o tempo engadido de cada partido, o equipo de Rafa Benítez encaixou 13 goles e marcou 5, un pobre balance ao que só se achega o pechacancelas Almería (un gol a favor e doce en contra).
“Faltounos manexar os minutos finais. A partir de aí xa podemos explicar o que queiramos. Todos os equipos que estamos abaixo encaixamos moitos goles nos últimos minutos, é algo normal”, afirmou o técnico do Celta tras o empate do seu equipo en Cádiz.
Pero a realidade é que dos últimos dez clasificados ningún encaixou dez goles neses últimos minutos. Unicamente o Deportivo Alavés, duodécimo clasificado con 11 puntos de vantaxe sobre o descenso, achégase a esa barreira ao recibir nove goles nos últimos dez minutos.