O Celta derrota ao Alavés en Balaídos (2-1), con Javi Rodríguez e Radu como protagonistas
O central asistiu a Jutglá e despois anotou un auténtico golazo
O porteiro negoulle dous goles ao Alavés no engadido para asegurar a segunda vitoria
O Celta suma once puntos tras a súa segunda vitoria
O Celta acadou unha importante vitoria contra o Alavés, que lle serve para colocarse na parte alta, logo de dúas accións brillantes de Javi Rodríguez, e dúas intervencióins milagreiras de Radu.
As primeiras accións chegaron con centros laterais: Un de Jonny desde a dereita que sacou Radu, e outro de Shu que tampouco atopou ningún atacante celeste para rematar. Polo medio, unha falta botada por Aleñá cabeceouna fóra Valentini, pero había fóra de xogo. Outra falta lateral, desta volta a prol do Celta, botouna Hugo Álvarez, e Jutglá non atinou a rematar. No 27, volveu á carga o Celta pola dereita noutro centro lateral de Shu, e rematou fóra Hugo Álvarez.
A máis clara foi para o Alavés, cunha cabezada de Lucas Boyé nunha posición inmellorable que blocou Radu. // A primeira metade rematou sen goles, e a primeira ocasión da continuación foi tamén para o Alavés, nunha acción en que Cáceres se complicou, e rematou cun disparo de Rebach desde o vértice que blocou Radu.
Pero no minuto 52 o Celta espertou de súpeto. Unha rápida xogada de ataque culminou cunha asistencia maxistral entre liñas de Javi Rodríguez, que Jutglá resolveu ao primeiro toque no man a man. O equipo menos goleado da Liga adiantábase no marcador, pero o Alavés buscou a igualada axiña cunha cabezada de Tenaglia que parou Radu.
Abriuse entón o partido e o Celta aproveitou para facer o segundo. Un auténtico golazo de Javi Rodríguez, que marchou de todos na área e marcou de disparo cruzado.
O 2-0 deixaba o partido encarreirado, pero so tres minutos despois un erro defensivo estivo a piques de aproveitalo Boyé. O seu remate saíu moi centrado e blocouno Radu. E outro erro volveuno rematar fóra Boyé.
Á terceira non perdoou Hugo Novoa, que recortou na área e marcou por toda a escadra para meter ao seu equiop no partido outra vez co 2-1.
Hugo Bueno volveu ser protagonista no engadido, e tivo que aparecer Radu para facer un paradón e negarlle o gol do empate a Boyé. E outro paradón de Radu a Mariano no 92 mantiña ao Celta por diante. Segunda vitoria do equipo vigués, que se coloca na parte alta.