O Celta busca prolongar a boa serie de outubro en Levante
Os de Claudio visitan o Cidade de Valencia mañá (14:00h) con Starfelt e Javi Rodríguez de volta
Acabou o mes de outubro e o Celta pechouno facéndose forte nas tres competicións. Seis partidos e ningunha derrota. Agora comeza o mes de novembro de xeito intenso. Coa primeira parada mañá no Cidade de Valencia.
Último adestramento esta mañá antes de medirse ó Levante. Volven á convocatoria celeste Javi Rodríguez e Starfelt. Claudio aínda non pode contar con Williot e Javi Rueda. Tamén son baixa Yoel Lago e Cervi. Tras un mes de outubro con catro vitorias e dous empates, Claudio Giráldez é rotundo ó definir o momento do Celta: "Nos resultados si que estamos no mellor momento, porque facer un mes sen perder en tres competicións é complicado. Puidemos competir en todos os partidos, non como acontecera co Stuttgart e co Elxe", indicou na previa.
O técnico do Celta tamén se referiu ás contas do club de cara a xunta de accionistas, que prevén novas vendas de futbolistas este verán: "Eu non mando no club, a miña opinión é deportiva, e por riba hai que cadrar os números. Temos todos a idea de medrar, pero temos que ter paciencia para dar pasos atinados, coherentes e firmes", indicou.
Sobre o partido, teno claro: "Queremos gañar, sempre queremos, porque despexa o panorama. Pero o equipo segue evolucionando. Estou convencido de que as vitorias chegarán", rematou.