Publicador de contidos

Publicador de contidos

Un Celta inoperante cae eliminado nos dezaseisavos

Un Celta inoperante cae eliminado nos dezaseisavos

Dous goles de Manel Martínez de cabeza rachan co soño de levantar a Copa

G24.gal 05/01/2022 19:37

Eliminado o Celta da Copa do Rei logo de perder 2-1 contra o Atlético Baleares. Con dous goles de Manel Martínez de cabeza (16' e 75') os vigueses quedan fóra nos dezaseisavos de final.

Os de Coudet foron superados dende o principio en intensidade e ganas, a presión do conxunto de Xavi Calm metía o medo no corpo da zaga. Malia iso, non había ocasións de perigo para ningún dos dous equipos. 

Todo cambiou no minuto 16, saque dende o curruncho do Baleares, Murillo non segue a súa marca e Manel Martínez conecta un remate inapelábel que, logo de tocar no longueiro, bate a Dituro para facer o primeiro no marcador.

Tentou reaccionar o Celta pero non eran quen os do Chacho de superar as liñas moi xuntas dos da illa, sobre todo moi espesos no centro do campo. Así, o marcador ao descanso non se moveu.

Na segunda parte o técnico do Celta introduciu catro cambios para revolucionar o encontro e tratar de acadar a remontada. Homes titulares como Mina, Brais, Galán e Beltrán.

O cambio notouse e precisamente tres dos catro foron protagonistas no empate do Celta. Parede de Galán con Nolito, Mina non é quen de resolver e Brais aproveita o rexeite para poñer o empate no 66'.

Coudet puxo toda a carne no asador e meteu a Aspas para completar a remontada. Pero nada máis lonxe da realidade. O Celta tiña moitos problemas para chegar á portería rival con claridade, e probablemente no seu mellor momento de fútbol, chegou a mazada. Centro lateral, Galán esvara no peor momento e Manel Martínez conecta unha testarada tremenda para rachar cos soños copeiros dos vigueses.

O resto é típico no fútbol, xogo á desesperada na procura dun empate que nunca chegou.

Minuto a minuto

19:40

Aliñación confirmada no Celta de Coudet, que busca o pase á seguinte rolda da Copa do Rei contra o Atlético Baleares:

 

Dituro, Mallo, Murillo, C. Domínguez, Fontán, Tapia, Gabri Veiga, Denis, Nolito, Cervi e Galhardo

 

 

19:45

15 minutos para que rode o balón en Palma de Mallorca!

 

Exercicios de quecemento sobre o céspede

 

 

1'

Coooooooomeza o encontro!

10'

Primeiros dez minutos de encontro, comezou atrevido o Baleares coa presión, pero os dous primeiros achegamentos, sen perigo, foron do Celta

16'

Gol do Baleares á saída dende o curruncho. Marca Manel Martínez

 

Despiste total da defensa do Celta no córner, rematou completamente só dentro da área. Tocou lixeiramente no longueiro xusto antes de entrar na portaría de Dituro

23'

Intenta responder o Celta, boa combinación entre Denis e Cervi, apertura á esquerda cara Fontán pero o centro do canteirán acaba nas mans do gardameta rival

30'

Media hora de fútbol no Estadio Balear!

 

Non é quen o Celta de rachar coa última liña, polo de agora non sofre demasiado o Atlético Baleares. Chega pouco e tímido o conxunto do Chacho Coudet.

 

Pola contra, cando poden correr os locais xeran sensación de perigo. Disparo afastado do autor do gol Manel Martínez detido agora por Dituro sen problemas

40'

Tívoa Galhardo!

 

A xogada non valía por fóra de xogo, pero bo centro de Denis nunha falta lateral e a cacholada do dianteiro carioca que marchou preto da portería rival

44'

Deu o susto Renato Tapia pero semella recuperado e vai continuar sobre o céspede, achegámonos ao descanso

DESCANSO

Tempo de lecer no Estadio Balear!

 

Perde o Celta, marcou Manel Martínez no minuto 16 logo de rematar absolutamente só un córner. Os de Coudet teñen moitas dificultades para superar as liñas do Baleares e atopar o último pase, especialmente espesos no centro do campo.

 

Veremos que acontece nos segundos 45 minutos

46'

Comeza o segundo acto con 4 cambios no Celta! Revolución para tentar a remontada no segundo acto.

 

Entran Galán (Fontán), Beltrán (Tapia), Brais Méndez (Gabri Veiga) e Mina (Galhardo)

 

 

53'

Dituro en dous tempos!

 

Outra vez o Baleares xerando perigo a balón parado

56'

Non chega Mina!

 

Centro de Denis de novo ás mans do gardameta rival

64'

Mellorou cos cambios o Celta co balón pero segue sen transformar o seu dominio en ocasións de perigo

66'

GOOOL de Brais para empatar o partido!

 

A xogada de Galán pola esquerda, parede con Nolito, centro, Mina non resolve na primeira opción e aproveita o rexeite o de Mos para empatar o partido con algo menos de 25 minutos por diante!

 

E ademais entra Aspas (Nolito) para tentar culminar a remontada

75'

Gol do Baleares, repite como goleador Manel Martínez

 

Outro centro lateral mal defendido polo Celta, esvarou Javi Galán no peor momento e remate inapelábel do futbolista do Atlético Baleares para adiantar de novo ao cadro local

79'

Demasiado longo o pase de Aspas para Hugo Mallo!

 

A piques de chegar ao minuto 80 de partido, busca o Celta o empate logo da mazada do segundo gol local

83'

Centro de Galán demasiado pasado!

 

Moi forte o centro do lateral, nin Mina, nin Aspas, nin Mallo foron quen de rematar o envío

84'

Tentouno Cervi!

 

Sacou Denis dende o curruncho pero o arxentino non foi quen de conectar un bo disparo no rexeite. Saque de porta de novo para Ginard

87'

Todo o Baleares no seu campo, busca o empate o Celta con máis corazón que fútbol

90'

Desesperado xa o Celta, falta agora de Hugo Mallo. O Baleares comeza a xestionar a vantaxe, teremos 4 de engadido

FINAL

Asubía o final o colexiado. Vitoria xusta do Baleares que elimina o Celta nos dezaseisavos de final da Copa do Rei

Publicidade
Publicidade
Publicidade