Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo acusa o presidente de tapar o caso Koldo e Sánchez dille que chegou para ocultar a corrupción en Madrid

Feijóo acusa o presidente de tapar o caso Koldo e Sánchez dille que chegou para ocultar a corrupción en Madrid

"Vostede sabíao e tapouno", espetou Feijóo a Sánchez nunha dura liorta no Pleno do Congreso

Sánchez afirmou que o seu Executivo é "implacable" contra a corrupción e "incompatible" con ela

Sánchez replica a Feijóo na sesión de control deste mércores (EFE/ Mariscal)
G24.gal 28/02/2024 08:01 Última actualización 28/02/2024 09:58

O líder do PP Alberto Núñez Feijóo acusou este mércores o xefe do Executivo de coñecer e tapar a presunta trama de corrupción no caso das máscaras, coñecido como caso Koldo, desde hai máis de tres anos. Foi na sesión de control ao Goberno que se celebrou este mércores no Congreso dos Deputados.

"Vostede sabíao e tapouno", espetou Feijóo a Sánchez nunha dura liorta no Pleno do Congreso que se produciu un día despois de que o exministro e exsecretario de Organización do PSOE José Luis Ábalos decidise reter o seu escano e pasar ao Grupo Mixto a pesar da petición que lle realizaba a Executiva do PSOE para que entregase a súa acta.

Na súa réplica, Sánchez recalcou que produce "rubor" que o PP pense que "pode sacar tallada política da corrupción" e afirmou que o seu Executivo é "implacable" contra a corrupción e "incompatible" con ela. "Este é un Goberno que non tapa a corrupción. É un goberno que combate a corrupción cara a cara, e faino non con discursos vacuos coma vostede, senón con feitos e con accións", dixo, aludindo á comisión de investigación que se vai crear.

Feijóo insistiu en que Sánchez "sabía" desta presunta trama, "polo menos desde había máis de tres anos" e dixo: "O seu secretario de Organización non lle servirá de cortalumes". "Esta trama xorde na cabeza do seu partido, está instalada no corazón do seu Goberno e marca a partida de nacemento da súa carreira", dixo, para avisalo: "A caída do señor Ábalos non o protexe, senón que o ispe".

Feijóo pediu a Sánchez que "non esparexa" o que ten "debaixo" nin poña o "ventilador" cando o xuíz está "a investigar o seu Goberno e o seu partido". "Deixe de insultar a intelixencia dos españois todos os días e todas as horas", solicitoulle.

Sánchez díxolle a Feijóo que para ser "crible no seu papel de Torquemada debería ter" tanto el como o PP "outro currículo", á vez que lembrou algúns casos que afectaron aos populares, como o caso Bárcenas.

"Nós chegamos ao Goberno para desterrar a corrupción da política e vostede chegou á fronte do PP para tapala", espetoulle, para asegurar que Pablo Casado, o anterior líder do PP, "caeu por denunciar unha trama de corrupción da señora Ayuso na Comunidade de Madrid. "E vostede está en pé por tapar e tolerar esa corrupción", díxolle.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade