Publicador de contidos

Publicador de contidos

O carné por puntos cumpre este mércores 20 anos: os condutores perderon 72,1 millóns de puntos

O carné por puntos cumpre este mércores 20 anos: os condutores perderon 72,1 millóns de puntos

Os falecidos en estrada en España reducíronse nun 60% desde a súa aprobación

G24.gal 30/06/2026 17:34 Última actualización 30/06/2026 22:18

O permiso de conducir por puntos cumpre este mércores 1 de xullo 20 anos en España, dúas décadas nas que os condutores perderon máis de 72,1 millóns de puntos e nas que a mortalidade nas estradas se reduciu nun 60%.

Segundo os datos oficiais da Dirección Xeral de Tráfico (DXT), en 2005 rexistráronse 91.187 sinistros viarios con vítimas, nos que faleceron 4.442 persoas e 21.859 resultaron feridas graves. En cambio, en 2024 (último ano con datos consolidados), contabilizáronse 101.996 sinistros viarios con vítimas, nos que perderon a vida 1.785 persoas e 9.561 resultaron feridas e necesitaron hospitalización.

Por outra banda, en 2005, a taxa de sinistralidade viaria en España foi de 101 persoas falecidas por millón de habitantes, fronte ás 37 do ano 2024.

O 29 de xuño de 2005, o Pleno do Congreso aprobou, por 310 votos a favor e 7 en contra (os do PNV), a Lei 17/2005, do 19 de xullo, pola que se regulaba o permiso e a licenza de condución por puntos e se modificaba o texto articulado da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria.

Non obstante, a norma entrou plenamente en vigor o 1 de xullo de 2006 tras unha campaña de divulgación da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) que xa advertía: «Só haberá sitio para os bos condutores e poderemos conducir mellor e con máis seguridade».

Aquel día, preto de 22 millóns de condutores pasaron a ter 12 puntos no seu permiso de conducir. Ademais, outros tres millóns de persoas estreaban o carné con 8 puntos, dado que eran noveis ou tiñan menos de tres anos de antigüidade no permiso anterior. Estes dous saldos podían incrementarse co paso do tempo e cunha boa condución ata un máximo de 15 puntos.

Os españois perderon 72.186.575 puntos en máis de 20 millóns de sancións en dúas décadas, sendo 2009 o peor ano nesta materia, con 4,6 millóns perdidos. En 2024 perdéronse 4,5 millóns de puntos e case 30.000 condutores perderon todo o seu crédito e, con el, a vixencia do seu permiso.

A velocidade e o alcol, os principais responsables da perda de puntos

Entre 2006 e 2024, os españois perderon puntos por non respectar os límites de velocidade (24.410.448), por conducir baixo os efectos do alcol (9.286.306), por saltar un semáforo en vermello (8.486.956), polo uso do teléfono móbil (7.282.425) e por non levar o cinto de seguridade ou o sistema de retención infantil de forma adecuada (6.920.223).

Tamén perderon puntos por consumo de drogas (2.565.702), por non respectar o sinal de STOP ou de ceda o paso ou a prioridade de paso (2.192.784), por condución temeraria (1.120.200) e por non usar o casco (884.389).

Entre as infraccións que restan seis puntos do carné destacan conducir con taxas de alcol por enriba do tramo superior administrativo e baixo os efectos das drogas; negarse a someterse ás probas de alcol e drogas; a condución temeraria, circular en sentido contrario ou facer carreiras non autorizadas; superar en máis do 50% a velocidade máxima autorizada se ademais se exceden en polo menos 30 km/h os límites.

Tamén se castiga coa perda de seis puntos do permiso adiantar poñendo en perigo a ciclistas ou sen respectar a separación lateral mínima (1,5 m) ou usar o teléfono móbil suxeitándoo coa man mentres se conduce.

Coa implantación do permiso de conducir por puntos, España pretendía fomentar hábitos de condución seguros, premiando a quen cumpre as normas e castigando aos infractores coa perda de puntos do carné. Para recuperar os puntos perdidos, os condutores poden non cometer ningunha infracción ou realizar cursos de sensibilización e reeducación viaria.

Ata o momento impartíronse 141.994 cursos de sensibilización e reeducación viaria. Segundo datos publicados pola DXT, o 88,4% de quen os realizaron e aprobaron o exame non volveron ser sancionados nos seis meses posteriores e o 55,9% non recibiu unha sanción nos tres anos seguintes.

Reformado en dúas ocasións

Desde a súa entrada en vigor en 2006, o permiso por puntos foi reformado en dúas ocasións. A primeira delas tivo lugar en 2011, cando se modificou substancialmente o procedemento sancionador. A segunda vez, en 2022, serviu para aumentar as sancións polo uso do teléfono móbil ao volante, entre outras cousas.

Así, o sistema seguirá actualizándose no futuro para adaptarse aos cambios normativos, como por exemplo a posible rebaixa a 0,2 g/l da taxa máxima de alcohol en sangue permitida para conducir.

Neste contexto, o director da DXT, Pere Navarro, cre que a implantación do permiso por puntos supuxo «un punto de inflexión en materia de seguridade viaria en España» e que esta medida, xunto con outras, «permitiu a España pasar do furgón de cola en materia de seguridade viaria na Unión Europea a ser un dos países referentes».

Ademais, Navarro indica que foi «un instrumento que igualou a todos os españois, xa que a perda de puntos e a recuperación do permiso provocaba e segue provocando ter que acudir aos cursos de recuperación onde coinciden persoas de distintos niveis socioeconómicos, perfís profesionais e experiencias diversas». «Sen dúbida foi un catalizador que puxo en marcha a revolución silenciosa da seguridade viaria», defende.

O número de falecidos reduciuse á metade

Para as vítimas de sinistros de tráfico, «o permiso por puntos supuxo un antes e un despois na sinistralidade viaria». «Conseguiuse reducir en máis da metade o número de persoas falecidas e de lesionados graves nun espazo de tempo moi breve. O ‘medo’ da cidadanía a poder perder o seu permiso de conducir fixo que se conducise con moita máis precaución e respecto polas normas viarias», explica Ana Novella, presidenta de Stop Accidentes.

Ao seu xuízo, foi unha decisión «moi valente posto que, como medida restritiva que é, non gozou de ‘boa prensa’ entre a poboación en xeral». Na actualidade, considera que «a sociedade teno aceptado e integrado, aínda que existe un problema claro, palpable e evidente cos reincidentes».

«O permiso por puntos fixo ver a moita xente que o seu permiso de conducir depende de si mesma; se conduce como debe, seguirá téndoo; se non é así, iránselle retirando puntos e deberá facer un curso para poder recuperalos de novo. Iso fixo, e fai, que a xente sexa un pouco máis prudente», subliña.

O presidente de Automobilistas Europeos Asociados (AEA), Mario Arnaldo, cre que «ao longo destas dúas décadas, a aplicación da normativa deixa un balance de ‘claroscuros’ debido a importantes lagoas legais e deficiencias nas notificacións».

«Con todo, o modelo consolídase como un elemento vertebrador indispensable para visibilizar o problema da seguridade viaria no país».

Pola súa banda, a motorista e exvicepresidenta da Plataforma Moteira Para A Seguridade Viaria María José Alonso indicou que «coa perspectiva que ofrece o tempo, é xusto recoñecer que supuxo unha das reformas máis importantes en materia de seguridade viaria das últimas décadas».

A agora presidenta da Asociación Valores que Unen sostén que «os seus primeiros anos foron especialmente positivos». «As cifras de sinistralidade descenderon de forma significativa e o permiso por puntos conseguiu trasladar unha mensaxe clara á cidadanía: conducir é un dereito que leva asociado un compromiso coa seguridade dos demais», indica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos