O camión accidentado nas Somozas terá que seguir na estrada ata o venres mentres non retiran a carga
O camión accidentado nas Somozas terá que seguir na estrada ata o venres mentres non retiran a carga
O condutor pasou a Noitevella no camión gardando as substancias perigosas que transporta
O GPS está detrás do accidente que sufriu este mércores un camión con mercancías perigosas nas Somozas. Botouno por unha pista estreita e acabou medio envorcado nunha gabia.
Un guindastre deuno colocado de novo na pista, pero teñen que agardar ata este venres para trasladar a carga noutro camión máis pequeno.
O camión viña de Lleida con destino á planta de residuos industriais das Somozas. Xusto na última rotonda, a uns centros de metros do seu destino, o GPS desviouno por unha pista estreita, por onde incluso un turismo ten que ir con tino.
O chofer guiou máis de dous quilómetros, pero nunha curva pechada, subiu ao cómaro e parte do terreo cedeu, así que quedou medio envorcado. O condutor, que pasou a Noitevella no camión, resultou ileso.
O trailer volve estar pousado na pista, pero por precaución van esperar ao venres para traslar a carga a outro camión máis pequeno. Son 24 depósitos de residuos de fábricas madrileñas e catalás. Ao iren ben estibadas e aseguradas, case nin se moveron ao envorcar o remolque, pero, aínda así, a raíz do accidente activouse o plan especial anticontaminación, polo risco de que algún dos depósitos vertese e acabase nos regatos da zona.
Os bombeiros e a Garda Civil acordoaron nun radio de 400 metros por medo a posibles vapores ou verteduras. Os bombeiros e os equipos de Medio Ambiente detectaron un derrame dalgunha substancia, aínda que a cualifican como pequeno e controlado.
O Concello das Somozas ten a pista pechada á circulación, sen consecuencias xa que é moi pouco transitada e non hai vivendas habitadas na zona.