O Breogán curta a serie negativa cunha vitoria de ouro en Xirona (66-73)
Os de Mrsic xogaron mellor os últimos minutos nos que lograron un parcial de 0-8
Quinta vitoria da temporada dun equipo galego que ten tres de marxe co descenso
O Breogán rachou a serie de tres derrotas cun triunfo fundamental na pista do Xirona (66-73). Un rival directísimo na pelexa pola permanencia ao que deixa con dous triunfos e o equipo de Mrsic colle tres vitorias de marxe cos postos de descenso.
O partido comezou mal para os intereses do Breogán. Con Taylor e Prkacin moi acertados os cataláns colleitaron unha máxima diferenza de dez puntos (19-9). Reaccionou o Breo no comezo do segundo cuarto. Grazas a un parcial de 1-15 puxéronse por diante (22-27) e conseguiron chegar ao descanso cunha pequena vantaxe (34-36).
A igualdade mantívose no terceiro cuarto con alternativas constantes que ían levar o partido a un último cuarto moi emocionante (55-52). O Xirona deu un golpe enriba da mesa (61-53) pero non acabou de afundir o Breogán cando estaba máis tocado. Reaccionou o conxunto lucense que lle deu a volta ao marcador (61-65).
O encontro decidiuse nun final moi apertado. A dous minutos anotaba Prkacin o 66-65. Desde ese intre os locais non volveron anotar e o Breogán aproveitou as súas para sentenciar. Unha tripla de Bamforth (17 puntos no partido) e o acerto nos tiros libres déronlle a quinta vitoria da temporada.