O brent profunda a súa escalada e supera os 100 dólares por barril
O prezo do cru acumula unha revalorización superior ao 40 % desde o inicio, o sábado 28 de febreiro, da guerra dos Estados Unidos e Israel contra Irán
O prezo do gas natural dispárase un 30 % e alcanza os 69 euros
Mohssen Assanimoghaddam/dpa
O prezo do barril de petróleo brent, o de referencia en Europa, modera lixeiramente a súa escalada ao subir o 12,7 % este mediodía, aínda que se mantén por encima dos 100 dólares, afectado polos temores sobre a subministración polo conflito bélico en Oriente Medio.
Coa alza deste luns, o prezo do brent dispárase un 44,3 % desde que, o pasado sábado 28 de febreiro, Estados Unidos e Israel lanzasen un ataque conxunto contra Irán, que se estendeu por Oriente Medio. Con todo, esta madrugada, ás 3:31 horas, o brent disparouse case un 29 % ata os 119,50 dólares.
Pola súa banda, o prezo do petróleo intermedio de Texas (WTI, polas súas siglas en inglés), o de referencia nos EUA, moderaba este luns a súa subida ao 5,86 %, ata os 96,23 dólares o barril.
O prezo do gas natural dispárase un 30 % e alcanza os 69 euros
O prezo do gas natural dispárase máis do 30 % na apertura deste luns, ata os 69 euros por megawatt hora (MWh), polo conflito bélico en Oriente Medio.
Segundo datos de Bloomberg, ás 08:00 horas deste luns, o prezo do gas natural para entrega a un mes no mercado TTF de Países Baixos, de referencia en Europa, sobe o 30,02 %, ata os 69 euros por megawatt hora (MWh).
Na sesión do venres, o gas natural, nunha xornada volátil, subiu outro 5,23 %, ata pechar a 53,38 euros. O gas natural sobe con forza desde que o pasado sábado 28 de febreiro os Estados Unidos e Israel lanzaran unha ofensiva conxunta contra Irán, cuxa represalia estendeu o conflito por Oriente Medio. A ofensiva espertou o medo a un bloqueo no estreito de Ormuz, un punto clave do tráfico petroleiro e do gas.