O BNG absterase nos presupostos do Estado por ser "insuficientes para Galicia"
Néstor Rego explica o voto asegurando que as contas, ademais de quedar curtas respecto ao que precisa Galicia, tamén o son respecto ás "clases populares"
Más País e Compromís anunciaron este luns que votarán a favor das contas públicas
Os presupostos xerais do Estado vótanse o xoves no Congreso
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, avanzou este luns a abstención con carácter xeral nos orzamentos do Estado para 2023, debido a que os considera "insuficientes para Galicia e para as clases populares".
Ao mesmo tempo anunciou que votará en contra especificamente a dúas seccións: as de Casa Real e Defensa.
Nunha conferencia de prensa no Congreso, Rego avanzou o seu voto unhas horas antes de que este luns pola tarde comece a sesión plenaria de catro xornadas que concluirá o xoves pola tarde coa votación ás contas.
Rego explicou que o seu partido tivo "vontade de negociación" para poder sumar o seu voto a favor dos orzamentos, pero que esta "non se viu en absoluto correspondida" polas formacións políticas no Goberno, que mostraron "cerrazón" e "falta de interese por resolver os problemas de Galicia".
"O Goberno empéñase en dicir que son uns orzamentos sociais e dificilmente pódeno ser cando incrementan moito máis as partidas para comprar armas que para desenvolver servizos públicos", apuntou o deputado nacionalista, quen lamentou, así mesmo, o "déficit histórico" que sofre Galicia.
Os presupostos xerais do Estado vótanse o xoves no Congreso
Este luns advertíanlle os xornalistas ao presidente do Goberno que o agarda "unha semana intensa". "E cal non o é?", replicoulles Pedro Sánchez.
E é que este xoves van votarse no Congreso os Presupostos Xerais do Estado para 2023. Polo momento, o Goberno conta co apoio do PNV, tras incluír máis investimentos para o País Vasco, e de varios partidos pequenos. Más País e Compromís anunciaron este luns o seu voto favorable porque, segundo Íñigo Errejón, "atenderon a nosa demanda de repartir mellor as cargas da crise".
Os que aínda non aclararon posición son dous socios vitais para o Goberno: EH Bildu e Esquerra Republicana de Cataluña, que manteñen abertas as negociacións. E é que o mesmo día que se votan os presupostos tamén se abre no Congreso o debate sobre a reforma do delito de sedición. ERC quere emendar o texto para cambiar tamén o delito de malversación.
A voceira do PSOE, Pilar Alegría, evitou este luns manifestarse sobre esa posible emenda de ERC, xa que considera que sería "opinar sobre hipóteses".
Dende o PP, o seu coordinador xeral, Elías Bendodo, cre que o Goberno "pretende rebaixar o delito de malversación para beneficiar os seus condenados, entre outros, os dos ERE".
Esta reforma será tamén a protagonista no cara a cara que manterán o presidente do Goberno e o líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, este martes no Senado.