O Bergantiños cae á zona de descenso en Llanera (1-0)
Un autogol de Tiján abondoulle ao Llanera para gañar o partido
Os galegos tardaron en afacerse ás reducidas dimensións do campo asturiano
O Bergantiños non levanta cabeza. En Llanera apañou a quinta derrota consecutiva, que o mete nos postos de descenso. Abondou un autogol de Tiján aos 12 minutos, nun campo no que, polas súas pequenas dimensións, non é doado xogar.
Os de Carballo tardaron en afacerse ao terreo de xogo reducido, no que os centros laterais levan moitísimo perigo. Logo dun treito inicial con varias ocasións do local Tito, e co 1-0 no marcador, o Bergantiños foise achegando á área rival.
A máis clara tivérona os galegos á volta do descanso. Fito rematou en boca de gol á saída dun córner, pero a igualada foi anulada por fóra de xogo. Unha posición moi protestada polos xogadores visitantes.
Tamén puido chegar o empate nun centro xute de Ouhdadi que Pachón non puido empuxar a gol.
O 1-0 definitivo condena o Bergantiños aos postos de descenso logo de cinco derrotas consecutivas. O Llanera suma 18 puntos, seis menos.