Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Baxi Ferrol fai historia no baloncesto galego e xogará a final da Eurocup

O Baxi Ferrol fai historia no baloncesto galego e xogará a final da Eurocup

Fixo bos os 31 puntos que traía de vantaxe na ida e clasificouse con solvencia malia perder por 74-63

Melia, Mataix, Pospisilova e Millán estiveron por riba dos 12 puntos

G24.gal 13/03/2025 21:29 Última actualización 13/03/2025 21:46

O Baxi Ferrol fixo bos os 31 puntos de vantaxe que acadou na Malata diante do Asvel francés e, malia perder o partido de volta, xogará a final da Eurocup Women. Na súa primeira participación nunha competición europea, o equipo ferrolán fixo historia no baloncesto galego e pelexará polo título. 

O partido comezou moi ben para as ferrolás, impedindo calquera intento de fuxida por parte do Asvel no primeiro cuarto. O dominio do rebote ofensivo e o bo traballo de Melia e Pospisilova dábanlle unha vantaxe mínima ao Baxi (20-22). No segundo cuarto, atascouse moito o ataque do conxunto galego. Apenas conseguiron anotar seis puntos e o Asvel empezou a marcar unha pequena diferenza que, no descanso, era de seis puntos (34-28). 

No terceiro acendéronse as alarmas cando a diferenza ascendeu ata os quince puntos (50-35), con moito tempo por xogar. Pero o Baxi mantivo a tranquilidade e conseguiu meter un par de triplas que aguantaron a marxe. Sobre todo unha de Gala Mestres no último segundo do terceiro cuarto, para poñer o 61-48. 

Quedaba un cuarto por xogar, pero esa boa xeira do Baxi fixo que os ánimos do Asvel diminuíran. O cadro francés chegara a ter unha máxima de dezanove puntos, pero de aí non pasou a cousa (traía o Baxi un +31 na ida). Para maior tranquilidade apareceron Ángela Mataix, con dúas triplas, e Blanca Millán, con cinco puntos, para poñer a diferenza por debaixo dos dez puntos a dous minutos do final (72-63). A clasificación era un feito, un novo capítulo exitoso nun periplo incrible do Baxi Ferrol na súa primeira participación europea. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade