O base esloveno Mark Sisko abandona o Breogán por "motivos persoais"
O base esloveno Mark Sisko abandona o Breogán por "motivos persoais"
Sisko xustificou a súa decisión para abrir “unha nova etapa” na súa vida
Tito Díaz avanzou que xa están a buscar un substituto para o esloveno
O director xeral do Río Breogán, Tito Díaz, anunciou este mércores a saída do equipo do base internacional esloveno Zan Mark Sisko, fichado este verán do Bayern Múnic, por “motivos persoais”.
“Zan Mark Sisko comunicounos que quere deixar a disciplina do club por problemas persoais que el mesmo explicará cunha nota que fará pública ao longo do día. Mesmo fala de que quere deixar o baloncesto, pero iso xa é unha cuestión persoal”, afirmou Tito Díaz en conferencia de prensa.
En novembro de 2022, apenas uns meses despois de ampliar o seu contrato co Bayern ata 2024, Sisko decidiu rescindir o seu contrato co conxunto xermano para regresar ao seu país. Do mesmo xeito que nesta ocasión, alegou motivos persoais.
“Recibimos con sorpresa a súa decisión, pero máximo respecto pola súa situación e brindarlle todo o noso apoio. Mentres estivo aquí foi un máis da nosa familia, e á xente da nosa familia sempre lle desexamos o mellor”, subliñou o director xeral do Breogán.
Sisko xustificou a súa decisión de rescindir o seu contrato co Breogán porque tomou a “difícil” decisión de aparcar a súa carreira deportiva para abrir “unha nova etapa” na súa vida.
“Despois de tentar durante un tempo encamiñar a miña carreira polo camiño correcto tras un ano de ausencia, as cousas non saíron como esperaba e planeaba. Por iso, tomei a decisión de parar a miña carreira deportiva e abrir unha nova etapa na miña vida”, explicou o xa exxogador breoganista nunha carta.
En novembro de 2022, apenas uns meses despois de ampliar o seu contrato co Bayer de Múnic ata 2024, Sisko xa decidiu rescindir o seu contrato co conxunto xermano para regresar ao seu país alegando motivos persoais.
“Quero agradecer tanto a Tito Díaz –director xeral- como a Veljko Mrsic –adestrador- a confianza e oportunidade de xogar aquí despois de estar practicamente un ano sen xogar. Vou tentar dar o mellor de min para devolverlle esa confianza na pista”, declarou a mediados de setembro durante a súa presentación como novo xogador do Breogán.