Lugo acolle o Campionato do Mundo de Lanzamento de Pantufla
O mundial desta disciplina deportiva, inventada na capitaal luguesa, chega á súa novena edición cun cento de participantes inscritos
Guindar a chinela que calza o pé o máis lonxe posible. Niso consiste o lanzamento de pantufla, un deporte inventado en Lugo que celebra no barrio da Piringalla o seu noveno campionato do mundo, cun cento de participantes inscritos.
"Limitámolo un pouquiño porque xa se nos ía das mans. É pasar un momento lúdico, que os veciños gocen de algo diferente e pasalo ben. Sempre foi un formato que funcionou, alá onde fixen sempre tivo éxito", sinala Óscar Santiso, hostaleiro e creador do campionato.
O mundial desta disciplina deportiva tan especial celébrase no marco das festas patronais deste barrio lugués. Para que a pantufla, que é a mesma para todos, acade unha distancia respectable, resultan fundamentais tanto a técnica coma a forza.
"Tes que collela coa punta das dedas e lanzala a distancia, sen que colla moita elevación. E creo que o récord está sobre os doce metros", explica Ricardo Varela, asociación de veciños San Isidro da Piringalla.
"O lanzamento ten que ser rápido. Tes que soltar a pantufla rápido para que chegue o máis lonxe posible. Evidentemente hai que lle imprimir algo de forza, claro", engade Santiso.
Como aliciente, o mundial de lanzamento de pantufla ofrece ademais diversos premios en metálico para os gañadores.