O ataque cun morto e cinco feridos en Austria foi un atentado islamita
As primeiras investigacións sinalan que o atacante tiña vínculos co grupo xihadista Estado Islámico

O Goberno austríaco cualificou este domingo como "atentado islamita" o ataque no que un sirio de 23 anos acoitelou onte mortalmente un neno de catorce anos e feriu outras cinco persoas.
O ministro do Interior, o conservador Gerhard Karner, afirmou en rolda de prensa que o "atacante islamita", que tiña permiso de residencia en Austria, radicalizouse rapidamente a través de Internet.
Tamén adiantou que as primeiras investigacións sinalan que o atacante tiña vínculos co grupo xihadista Estado Islámico.
O suposto agresor, que foi detido, non contaba con antecedentes policiais. Pouco antes das 16:00, comezou a atacar paseantes no centro de Villach, unha localidade duns 58.000 habitantes a 350 quilómetros ao sur de Viena.
Karner dixo que xunto ao duelo e a solidariedade coa familia do falecido tamén é "comprensible" a ira e a rabia contra "un atacante islamita que apuñalou indiscriminadamente a persoas inocentes nesta cidade".
Así, anunciou que se aplicarán controis masivos sen motivo previo entre "grupos concretos", entre os que citou os solicitantes de asilo de Siria e Afganistán.
Nese sentido, opinou que hai que aplicar cambios legais para permitir ás autoridades aplicar esas medidas para cumprir a responsabilidade de, dixo, garantir a seguridade dos habitantes de Austria.
Entre as consecuencias que hai que sacar deste ataque, o ministro referiuse tamén á necesidade de "encerrar e deportar" e, en xeral, actuar con "determinación".