O asistente coruñés Diego Sánchez, primeiro árbitro galego en participar nun mundial
Acaba de facer historia ao ser elixido pola FIFA para participar no próximo Mundial de fútbol
Foto Futgal
O asistente coruñés Diego Sánchez Rojo é un dos elixidos pola FIFA para participar neste próximo Mundial que se celebrará nos Estados Unidos, México e O Canadá. O colexiado galego será o único asistente español na cita mundialista, alén do árbitro principal Alejandro Hernández Hernández.
Será a primeira vez na historia que un dos nosos imparta xustiza nun Mundial. Diego Sánchez Rojo (A Coruña, 1992) chegou a ser o colexiado máis novo de Primeira División, categoría na que debutou no ano 2020 despois de ser nomeado mellor asistente de Segunda.
Aos 14 anos xa levaba colgado o asubío polos campos coruñeses. Decantouse por ser árbitro asistente cando estaba en Preferente Autonómica e tras unha meteórica carreira chegou a Segunda B, onde só estivo un ano, compaxinando cos seus estudos de Económicas na UDC. Despois, pasou catro tempadas consecutivas na categoría de prata ata que lle chegou a oportunidade de arbitrar na elite.
Internacional desde o ano 2023, Diego foi designado durante os últimos anos como árbitro asistente en partidos tanto de seleccións internacionais como partidos de competicións europeas.