O Almería aproveita a expulsión de Gabri Veiga para remontar o partido contra o Celta
O canteirán estableceu o 0-1 cun golazo xusto antes de ser expulsado
Na segunda metade chegaron os goles de Lázaro, De la Hoz e Eguaras
O Celta non é quen de acabar coa mala dinámica de resultados. En Almería sumou o quinto partido consecutivo sen gañar, e todo malia a que se adiantou no marcador mediada a primeira metade grazas s un golazo de Gabri Veiga.
Pero só uns minutos despois do gol, o propio Gabri Veiga foi expulsado logo de pisar un rival nun balón dividido, nunha acción que inicialmente pasou desapercibida pero foi revisada polo VAR. Logo de ver a xogada repetida, Del Cerro Grande amosoulle o cartón vermello, que deixaba ao Celta con 10.
O partido chegou sen novidades ao descanso, e Coudet moveu o banco, para introducir no campo a Tapia e Cervi en substitución de Carles Pérez e Larssen. Pero non obtivo o resultado desexado. Lázaro Vinicius empataba o encontro aos 8 minutos da continuación e, outros oito minutos despois, De la Hoz culminaba a remontada nunha xogada que tamén foi revisada por unha posible falta, pero finalmente subiu ao marcador.
Sen que o Celta fose quen de reaccionar, o partido tivo sete minutos de engadido, que o Almería aproveitou para sentenciar. Foi nunha acción pola dereita que rematou comodamente Eguaras, para establecer o 3 a 1.
O Celta queda nunha situación complicada, despois dunha xornada que so tivo a boa noticia da estrea co primeiro equipo de Pablo Durán.
Para Eduardo Coudet, a expulsión de Gabri Veiga foi a clave do partido. Impediulle ao seu equipo desenvolver todo o que traía planificado.