O 38 % dos rapaces aínda ten ideas paternalistas e o 35 % ri con comentarios sexistas
Un estudo analiza as respostas ante estas situacións de mozos e mozas de entre 12 e 18 anos en dez concellos galegos
Loitar contra os estereotipos de xénero, o humor sexista ou as condutas de control en redes é o obxectivo da campaña da Fegamp para o próximo 25 de novembro.
Hai unha fenda de xénero entre rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos á hora de recoñecer a denominada violencia simbólica, esa que subxace tras os estereotipos ou que se agocha tras chanzas ou falsas crenzas. Ata 20 puntos de diferenza nalgúns casos, como adxudicar aos homes o rol de protexer e ás mulleres o de coidar.
"En xeral, elas teñen clarísimo que son defensoras da igualdade, que as mulleres e os homes son iguais e que non aceptan a violencia de xénero. E eles tamén, na teoría: cren no principio de igualdade, pero se rañamos un pouco hai determinados matices moi sutís onde se ve que dalgún xeito interiorizan o negacionismo", explica Patricia Vilán, secretaria xeral de Fegamp.
Aínda que en xeral se observan avances. Hai un 60 por cento de mozos e mozas conscientes de que igualdade non é paternalismo, senón liberdade é corresponsabilidade. O estudo non ten valor estatístico pero permite saber por onde orientar a campaña e os programas.
"É fundamental traballar sobre o comportamento do grupo, sobre a risa, o silencio e aqueles comportamentos que non deben darse xa na sociedade. E ademais é necesario intervir nos espazos en que está a mocidade, incluído o ámbito dixital", subliña Alberto Varela, presidente da Fegamp.
Na campaña deste ano expoñen que a desigualdade debe ser recoñecida coa mesma facilidade que unha falta de ortografía, porque é a orixe da violencia ante as actitudes machistas, explican, nin rir, nin calar e nin deixar só a quen sofre.