Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 112 ensaia un sistema de alertas masivas á poboación

O 112 ensaia un sistema de alertas masivas á poboación

Os habitantes dunha zona en risco recibirán no seu móbil indicacións claras sobre como comportarse

G24.gal 22/06/2022 13:49 Última actualización 22/06/2022 14:06

Unha alerta sonora e unha mensaxe escrita- en polo menos dúas linguas- nunha ventá emerxente. O son non vai cesar ata que a alerta sexa recibida e nesa mensaxe os habitantes da zona afectada van recibir indicacións exactas sobre o que deben facer para protexer as súas vidas. Serán avisos moi excepcionais, ante fenómenos meteorolóxicos especialmente adversos, grandes incendios, explosións con risco de toxicidade.

O sistema aproveita a rede de antenas de telefonía móbil para enviar estas alertas especificamente aos que están ou entran nunha zona de risco.

Algúns usuarios xa reciben estes días mensaxes de proba do 112. O sistema está en fase de ensaio. Queda aínda algo de traballo para que cada comunidade estableza o seu mapa de riscos. Un aviso por erupción volcánica na Pama ou o Filomena en Madrid poderían ser exemplos nos que enviar estes avisos masivos. Aquí en Galicia preocupan os incendios.

"Nunha alerta por incendios forestais onde haxa que evacuar ou confinar a poboación chegaralle unha mensaxe co que ten que facer. É moito máis seguro para evitar situacións como a do grande incendio de Pedrogão, en Portugal, cun gran número de vítimas: un lume onde a xente se asusta e evacúa as súas casas cando probablemente confinar era moito máis seguro", explica Marcos Araújo, o xerente da Axencia Galega de Emerxencias.
 

Será información oficial, cunha avaliación de riscos e instrucións claras. O sistema dá cumprimento a unha directiva europea para implantar en todo o territorio da Unión este 112 inverso, denomínase así porque son eles os que dan os avisos. Prevese a súa utilización en DANA, grandes incendios, accidentes, terremotos, sucesos graves ou ataques terroristas. Un mecanismo de coordinación para a protección da poboación civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar