Rueda incorpora catro caras novas ao Goberno e elimina as vicepresidencias
O alcalde da Estrada faise cargo da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e María Martínez Allegue asume Vivenda
Antonio Gómez Caamaño ponse á fronte da carteira de Sanidade e Mª José Gómez Rodríguez, de Medio Rural
O presidente da Xunta agradeceulles a súa dedicación a Ethel Vázquez, Elena Rivo e Julio Comesaña, que abandonan o Executivo
Tras tomar posesión do seu cargo como presidente da Xunta, Alfonso Rueda desvelou este domingo a composición do seu Goberno. Catro caras novas incorpóranse ao Executivo: José López Campos, Antonio Gómez Caamaño, Mª José Gómez Rodríguez e María Martínez Allegue.
O directivo de banca e alcalde da Estrada José López Campos asume a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e o xefe de Oncoloxía Radioterápica do Clínico de Santiago Antonio Gómez Caamaño responsabilízase do departamento de Sanidade.
Mª José Gómez Rodríguez, profesora de ensino secundario e senadora do PP pola provincia de Lugo, faise cargo do departamento de Medio Rural, e María Martínez Allegue, funcionaria de carreira e deputada no Parlamento, ponse á fronte de Vivenda e Planificación de Infraestruturas.
Nesta lexislatura, abandonan o equipo Ethel Vázquez (Infraestruturas e Mobilidade), Elena Rivo (Promoción do Emprego e Igualdade) e Julio Comesaña (Sanidade). Alfonso Rueda agradeceulles a súa dedicación na rede social X.
O meu agradecemento a Ethel Vázquez, Elena Rivo e Julio Comesaña pola súa dedicación coa nosa terra durante os últimos anos.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) April 14, 2024
Axudar a construír unha mellor Galicia sempre foi a súa prioridade e estou seguro que así seguirá sendo no futuro
Sen vicepresidencias e unha consellería máis
O novo Goberno galego estará configurado por doce consellerías, unha máis ca as actuais, e xa non terá vicepresidencias.
Segundo a organigrama que fixo público a Xunta, a Consellería de Cultura e Educación divídese en dúas: José López Campos asume a primeira e Román Rodríguez segue xestionando o ensino.
Vivenda e Planificación de Infraestruturas agrupa competencias que antes estaban en dous departamentos e José González, conselleiro do Medio Rural, pasa a dirixir Emprego, Comercio e Emigración.
Nos seus postos continúan Diego Calvo, en Presidencia; Ángeles Vázquez, en Medio Ambiente e agora con Cambio Climático; María Jesús Lorenzana, en Economía; Fabiola García en Política Social, que suma as competencias de Igualdade, e Miguel Corgos, en Facenda.
Este luns tomarán posesión dos seus cargos, co xuramento ou promesa que é preceptivo, e o tradicional traspaso cos seus predecesores no caso de asumir novas competencias.
Alfonso Rueda asinou este domingo o decreto de nomeamento do novo Executivo autonómico. O Diario Oficial de Galicia (DOG) xa o publicou, tras o cesamento dos membros do anterior Goberno.
O BNG amósase escéptico
A vicevoceira do BNG Olalla Rodil dixo que "o importante" non son os nomes das áreas ou dos conselleiros ou conselleiras, senón as "decisións que se toman e as políticas que van levar a cabo" e considerou que os cambios supoñen tan só "unha reorganización".
"Di o refraneiro popular, cambian as cousas para que todo siga igual. O que vemos no novo Goberno da Xunta de Galicia é basicamente unha reorganización", declarou.
Advertiu que "está no aire" ver se as políticas deste novo Executivo redundarán "en beneficio da maioría dos galegos e galegas" e amosouse escéptica sobre os cambios.
A nacionalista manifestou o seu desexo de que o Executivo galego "rectifique" en áreas "tan sensibles ou importantes como Sanidade", para "acabar" coas listas de agarda en atención primaria ou atender os máis de 11.000 nenos e nenas que hoxe en día non teñen asignados pediatras.
"En definitiva, está no aire ver cales son as políticas que vai tomar o Goberno galego máis aló dos cambios nos nomes das consellerías e nos conselleiros e conselleiras", concluíu.
O PSdeG critica o continuísmo
A vicevoceira do PSdeG no Parlamento de Galicia Elena Espinosa criticou a composición do novo Goberno, que considera continuísta e sen "grandes fichaxes".
Nunhas declaracións remitidas aos medios, descarta o optimismo porque "continúan os principais nomeamentos de Feijóo, revivindo un tempo pasado, de mal recordo", e apunta que non hai incorporacións de peso a un gabinete en que "seguen sendo maioría de homes".
Tamén censurou que sigan no seu cargo conselleiros "que deberían ser cesados" pola mala xestión nas súas respectivas áreas. Pero máis que as persoas, pensa que Rueda debería cambiar realmente "as súas políticas".
En todo caso, o PSdeG deséxalle "toda a sorte" a este novo Executivo, ao que ofrece "colaboración desde a crítica construtiva e firme" e asegura que estará "vixiante" durante toda a lexislatura co obxectivo de que se blinden os servizos públicos e Galicia "deixe de estar á cola de España".