Nova Pescanova aumenta un 70 % os seus beneficios no primeiro semestre
Os beneficios brutos de explotación alcanzan os 27 millóns de euros fronte aos 15,6 do mesmo período de 2024
A tendencia nas vendas tamén continúa á alza e medraron un 7,9 % de xaneiro a xuño, ata os 490,09 millóns de euros

O grupo Nova Pescanova aumentou os seus beneficios brutos de explotación (EBITDA) un 73 % no primeiro semestre deste ano, ata os 27 millóns de euros, fronte aos 15,6 millóns de euros do mesmo período de 2024.
Segundo anunciou a compañía este mércores, a tendencia nas vendas tamén continúa á alza e medraron un 7,9 % de xaneiro a xuño, ata os 490,09 millóns de euros. Do mesmo xeito, di que as perdas se reduciron un 65 %.
"A mellora responde fundamentalmente ás medidas de eficiencia operativa, orientadas ao aumento da rendibilidade de todas as operacións e a contención de gastos, e tamén á renovación da estratexia comercial para dar prioridade ás operacións de maior valor", asegura a empresa nun comunicado.
O grupo considera que os resultados do semestre confirman as súas previsións.
"A compañía segue cumprindo metas e avanzando na recuperación, mantendo a estratexia para alcanzar unha maior solidez financeira e consolidar a mellora nos próximos meses", asegura.
Nova Pescanova está especializada na pesca, o cultivo, a elaboración e comercialización de produtos do mar, tanto frescos, refrixerados, como conxelados.
Emprega ao redor de 10.000 persoas e opera en 17 países, vendendo os seus produtos en máis de 80 Estados de todo o mundo.
