Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rusia responde á proposta de tregua de Zelenski co maior ataque contra Kíiv en meses

Rusia responde á proposta de tregua de Zelenski co maior ataque contra Kíiv en meses

Rusia lanzou 70 mísiles e 145 drons sobre a capital e outras cinco rexións de Ucraína

Os bombardeos deixaron en Kíiv 12 mortos, 70 feridos e unha decena de desaparecidos 

REUTERS / Gleb Garanich REUTERS / Gleb Garanich
G24.gal 24/04/2025 08:49

Rusia respondeu á proposta de tregua do presidente ucraíno, Volodímir Zelenski cun dos bombardeos contra Kíiv máis masivos dos últimos meses.

Moscova lanzou 70 mísiles de diferente tipo e 145 drons suicidas contra Ucraína esta noite nun ataque masivo contra seis rexións do país veciño, incluída a de Kíiv.

Na capital faleceron polo menos 12 persoas e máis de 70 quedaron feridas, segundo informou a Forza Aérea ucraína. Hai ademais unha decena de desaparecidos e numerosos danos en edificios residenciais e comerciais, vehículos, almacéns, garaxes e outras infraestruturas civís.

“Uns dez minutos despois da alarma houbo primeiro un primeiro impacto e practicamente ao mesmo tempo chegou o segundo ataque”, dixo un dos veciños.

O ministro do Interior ucraíno, Igor Klimenko, indicou que os servizos de emerxencias seguían buscando baixo os entullos a unha decena de desaparecidos horas despois de que concluíse o bombardeo.

O Ministerio de Defensa de Rusia cualificou o ataque da pasada madrugada de “masivo” e dixo que foi levado a cabo utilizando armas de longo alcance e alta precisión.

O departamento castrense indicou que o bombardeo ía dirixido contra instalacións militares como empresas de aviación, produción de mísiles, fábricas de tanques e maquinaria en Ucraína, así como infraestruturas para a produción de combustible e munición.

Ademais de en Kíiv, este novo bombardeo ruso provocou danos nas rexións ucraínas de Khárkov (nordés), Dnipropetrovsk e Zhitómir (centro), Zaporiyia (sueste) e Jmelnitski (oeste).

70 mísiles

Segundo a Forza Aérea ucraína, Rusia empregou neste ataque dirixido sobre todo contra Kíiv 11 mísiles balísticos, 59 mísiles de cruceiro, 4 mísiles aéreos guiados e 145 drons.

Do total de 70 mísiles, as defensas aéreas ucraínas lograron derrubar 48, unha porcentaxe de interceptación menor que o que adoitaba rexistrar a Forza Aérea ucraína hai meses que algúns expertos explican polas carencias cada vez maiores en municións e sistemas antiaéreos ás que se enfronta Ucraína.

Trump non condenou o ataque

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, condenou o ataque como outra mostra da falta de vontade de Rusia de poñer fin á guerra e ordenou ao seu ministro de Defensa, Rustem Umérov, que transmita de forma inmediata aos seus socios toda a información sobre as necesidades de Ucraína para reforzar os seus defensas aéreas.

Na véspera do ataque, o presidente dos EUA, Donald Trump, volveu acusar a Zelenski de poñer trabas nos esforzos de paz pola negativa tallante do presidente ucraíno a recoñecer a península ocupada de Crimea como territorio ruso, que é unha das esixencias a Kiev no plan de paz da Casa Branca ao que tiveron acceso medios estadounidenses.

Trump non condenou de forma explícita ningún dos ataques letais rusos contra zonas residenciais de cidades ucraínas das últimas semanas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade