Normalidade na volta ao cole, coa ausencia de 13.000 alumnos e docentes
Confinarán aulas que teñan cinco casos positivos
Maiores de doce anos con pauta completa e sen síntomas non gardarán corentena tras contacto
Dos preto de 70.000 casos activos de coronavirus en Galicia, uns 13.000 corresponden a nenos e mozos en idade escolar e a profesorado. Profesores positivos son 800, deles 700 xa foron substituídos con profesores de reforzo para cubrir as baixas.
Destes preto de 70.000 casos activos, uns 13.000 corresponden a nenos e mozos en idade escolar ou a profesores. Hoxe retomouse o curso tras o Nadal, con bastantes ocos nos pupitres, e con 700 profesores de reforzo para cubrir baixas.
Entre os nenos positivos, máis de 4.000 corresponden á franxa de idade de cinco a once anos, que xa ten o 60 % dos rapaces vacinados, e a partir de mañá e ata o xoves está previsto vacinar o resto, posto que xa chegaron as partidas das 36.000 doses da vacina Pfizer.
O Conselleiro de Educación Román Rodríguez defende que volver ás aulas é seguro e que os contaxios son parellos á sociedade. Por iso pide prudencia e responsabilidade colectiva:
"Apostamos pola presenza. Temos que convivir coa situación en que estamos e temos que ser conscientes de que o sistema educativo, grazas ao sobreesforzo do profesorado e á responsabilidade das familias e dos nenos, pode traballar e vai traballar para que, dentro da excepcionalidade, a situación sexa o máis normal posible".
Os centros educativos recibían o alumnado con normalidade e facendo especial incidencia na correcta aplicación dos protocolos para garantir unha volta segura ás aulas.
Co avance da inmunización, o protocolo muda no caso dos maiores de 12 anos, que non deberán gardar corentena tras ter contacto cun positivo se teñen a pauta completa e non teñen síntomas.
A corentena será obrigatoria para os menores de 12 anos, por non teren aínda a pauta completa. Tamén hai cambios nos criterios de confinamento das aulas.
Nesta medidas, malia a incerteza, confían os pais que hoxe deixaban os cativos nos centros aos que non se van incorporar nesta xornada 9.000 alumnos e profesores.
Unha volta ao cole ansiada polos cativos, que os devolve á necesaria normalidade. Para volver con maior seguridade, nas farmacias xa se pode recoller de balde o test de antíxenos para realizar aos menores de cinco a once anos.