Publicador de contidos

Publicador de contidos

Non se pelexa por bandeiras, por María Bastida

Non se pelexa por bandeiras, por María Bastida

G24.gal 16/01/2026 07:52

En economía hai dúas maneiras de equivocarse co risco xeopolítico. A primeira é sobreactuar, pensar que cada crise rompe o mundo e que mañá se acaba o comercio. A segunda é minimizalo, tratar a xeopolítica como un ruído de fondo sen custo. En 2026 esa segunda forma de erro é a dominante.

Venezuela, Groenlandia e Iraq non son tres historias inconexas, senón tres versións da loita por controlar activos estratéxicos e corredores loxísticos. Petróleo, minerais críticos e estabilidade da subministración, envolvidos en retórica, xestos diplomáticos e ata un pouco de épica. O que une esa tríade de conflitos é unha lóxica básica: quen controla unha renda escasa controla poder, quen controla un colo de botella controla prezos e quen controla un corredor controla quen o transita. Durante trinta anos finximos que iso fora substituído por regras, mercados e OMC. Unha utopía que pode valer, pero só mentres a abundancia a faga irrelevante.

Venezuela é a maior reserva de petróleo do planeta, unha caixa enerxética allea ao sistema financeiro occidental. Iso explica por que a ninguén lle importou demasiado mentres a súa produción estaba afundida e por que volve importar cando o barril e a oferta global se tensan. A democracia é importante, pero o ritmo da presión internacional márcao o mercado do cru, non os principios. Esa é a parte cínica que ninguén quere dicir en voz alta. E esta lóxica xa se ve nos mercados. En canto aos Estados Unidos comezaron a vender cru venezolano pola súa conta e a esixir as grandes petroleiras investimentos masivos para reactivar a produción, as cotizacións reaccionaron. Os investidores non están a valorar a política venezolana, senón a expectativa dunha avalancha futura de petróleo pesado barato baixo control estadounidense, que reconfigurará prezos, marxes e poder de negociación en todo o mercado enerxético mundial.

Groenlandia é xeopolítica de materiais e de fluxos. Se o século XX foi o do petróleo, o XXI é o das terras raras e os minerais e metais que alimentan baterías, chips e defensa. E eses non se compran en Amazon, extráense en territorios estratexicamente sensibles. A illa ten baixo o seu xeo un dos maiores portafoles de activos estratéxicos do planeta, suficientes para cubrir unha cuarta parte da demanda mundial, e ata reservas de petróleo comparables ás dos Estados Unidos. A iso súmase que o desxeo está a abrir novos corredores árticos que acurtan rutas entre Europa, América e Asia. Os Estados Unidos, A China e Europa non compiten alí por bandeiras, senón por non quedar fóra das cadeas industriais e loxísticas do futuro. Iso é o que de verdade significa soberanía tecnolóxica.

Iraq completa o triángulo enerxético. Tamén é un dos maiores depósitos de petróleo do mundo e unha peza central do equilibrio de oferta de Oriente Medio. A súa historia recente lembra un límite incómodo da globalización: o mercado funciona… ata que pasa por unha zona inestable. E a produción de enerxía é demasiado importante para deixala caer.

O erro que estamos a cometer en Europa é que mentres outros constrúen imperios de subministración -enerxía, minerais, rutas e tecnoloxía-, a UE responde con normas e regulacións. Iso funcionaba cando outros garantían a seguridade e a oferta. Xa non. Por iso, cada crise píllanos igual: inflación enerxética, industria en risco e dependencia de terceiros. Non quixemos aceptar que a economía volveu ser xeopolítica.

Por iso Groenlandia, Venezuela e Iraq son a mesma historia con materias primas distintas. En Groenlandia peléxase por terras raras e corredores árticos; en Venezuela e en Iraq, por petróleo barato, abundante e estratéxico. Nos tres casos, quen gañe non controla un país, controla un tramo crítico da cadea global de valor. Non estamos a entrar nunha era de guerras, senón nunha de guerras polos fluxos: de enerxía, de materiais e de capital. E iso é probablemente o cambio máis grande desde 1990.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade