Publicador de contidos

Publicador de contidos

10 incendios activos en Galicia deixan 58.500 hectáreas queimadas

10 incendios activos en Galicia deixan 58.500 hectáreas queimadas

O incendio que máis avanzou nas últimas horas é o de Larouco-Seadur que triplicou o seu tamaño desde este sábado

Os lumes ameazaron vivendas e granxas e calcinaron varios inmobles sen que se producisen danos persoais

Garda forestal traballando na extinción do incendio de Carballeda de Avia. Foto: EFE/Brais Lorenzo
G24.gal 17/08/2025 10:00 Última actualización 17/08/2025 22:24

A última hora deste domingo hai 10 incendios activos en Galicia, segundo os datos facilitados pola consellería de Medio Rural.

 Evitar danos persoais é a prioridade dos servizos de emerxencias. Galicia segue loitando contra unha vaga de incendios que levou por diante máis de 58.500 hectáreas. A maioría dos lumes rexístranse na provincia de Ourense na que mantén o nivel dous de alerta. O lume máis extenso, o máis grande desde que hai rexistros, é o de Chandrexa de Queixa que se uniu co de Vilariño de Conso.

Os expertos destacan que estamos ante uns incendios especialmente virulentos e impredicibles. As condicións meteorolóxicas son desfavorables.

A provincia de Ourense mantense en nivel dous de emerxencia. Segundo explica a nota de Xunta, o feito de que toda a provincia estea en nivel dous implica unha maior axilidade de medios e recursos da comunidade autónoma e do resto de Administracións para a provincia. Amplíase tamén o horario laboral do persoal e axilízanse os trámites coas diferentes Administracións, especialmente coa Unidade Militar de Emerxencias (UME). 

Asistencia sanitaria, confinamentos, evacuacións e desaloxos

Seis persoas necesitaron asistencia sanitaria este domingo en Galicia polos incendios, entre elas un brigadista, por un golpe de calor, e un bombeiro, por inhalación de fume.

No día de hoxe, 120 residentes que foran desaloxados ata Vilamartín de Valdeorras puideron regresar á súa residencia, no municipio da Rúa. De igual maneira, as 25 persoas evacuadas da residencia de Chandrexa de Queixa tamén se atopan xa realoxadas.

Ademais, mantéñense activas as medidas de protección á cidadanía nas zonas afectadas a causa dos incendios forestais na provincia de Ourense, onde continúa activada a Situación 2. Logo de que se activasen as medidas de protección baixo o Es-Alert a modo preventivo, no día de hoxe realizouse un novo envío aos seguintes concellos: Beade, Carballeda de Avia, Leiro, Melón, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Ribadavia, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

Desta maneira, este é o listado de concellos onde foi enviado o Es-Alert tras a súa primeira emisión: A Mezquita, A Gudiña, A Rúa, A Veiga, A Teixeira, Avión, Baltar, Beade, Castrocaldelas, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Folgoso do Courel, Laza, Larouco, Leiro, Manzaneda, Melón, Montederramo, Monterrei, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Os Blancos, Oímbra, Parada de Sil, Petín, Quiroga, Ribadavia, Ribas de Sil, Riós, Rubiá, San Xoán de Río, Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia.

Debido á proximidade, a mensaxe puido chegar a teléfonos móbiles que estivesen en municipios limítrofes.

Activo o incendio de Chandrexa de Queixa-Vilariño de Conso-Mormentelos

O venres día 8 ás 12.51 horas iniciouse un incendio no concello de Chandrexa, parroquia de Requeixo. O martes día 12 empezou outro na parroquia de Parafita, neste mesmo municipio. Este xoves, reactivouse o incendio do concello de Vilariño de Conso, parroquia de Mormentelos, que permanecía estabilizado desde a noite do pasado luns e o cal se iniciou o domingo ás 17.30 horas

Os tres acabaron por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, afectan unha superficie de arredor de 17.500 hectáreas, parte delas tamén nos municipios de Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza. Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado, 23 técnicos, 130 axentes, 156 brigadas, 98 motobombas, 15 pas, 14 unidades técnicas de apoio, 22 helicópteros e 21 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

"Estamos seguindo as recomendacións de confinamento", di a alcaldesa

O incendio de Chandrexa de Queixa chegaba ata Vilariño de Conso. Levan xa moitos días loitando contra o lume. Agora ao incendio únese tamén o que provén da Servaínza, de Viana do Bolo.

"Está un pouco máis controlada a situación, agora o núcleo principal é A Servaínza, que é do concello e Viana do Bolo, está un pouco máis crítico o lume pero hai medios e están intentando extinguilos, que os medios aéreos poidan traballar e que poida remitir nas próximas horas", di Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño de Conso.

Durante toda a maña, os equipos de extinción, os medios áereos, a intervención da UME e veciños da zona tratan de controlar o lume.

"Está enriba mesmo da vila, xa arderon todos os pinos, aí xa non queda nada"

"Pois non sei onde vai rematar, aínda non vai terminar estes días"

"Onte dicían que estaba máis controlado pero volveuse reactivar pola noite, a ver se fan un cortalumes e o para aí, porque non sei isto en que acabará", di a veciñanza.

As autoridades seguen a recomendar precaución e que non se fagan desprazamentos innecesarios.

"Estamos seguindo as recomendacións de confinamento, pido que só se faga caso ás fontes oficiais, que non se fagan desprazamentos que sexan innecesarios", destaca a alcaldesa.

E nas últimas horas, O Grupo de Rescate en Montaña da Garda Civil evacuaba unha persoa que estaba rodeada polas lapas no incendio forestal en Cenza, no municipio de Vilariño de Conso mentres realizaba un cortalumes. Solicitouse a asistencia de medios aéreos, que fixeron varias descargas de auga na zona para salvar o maquinista .

Activo o lume en Maceda (Santiso e Castro de Escuadro)

Ás 23.37 horas do domingo 10 iniciouse un incendio no concello de Maceda, na parroquia de Castro de Escuadro. O martes 12 ás 03.13 horas empezou outro na parroquia de Santiso, neste mesmo municipio. Ambos acabaron tamén por unirse nun só lume, que permanece activo. Segundo as últimas estimacións provisionais, este incendio afecta en conxunto unha superficie de arredor de 3.000 hectáreas, parte delas do municipio de Vilar de Barrio.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 11 técnicos, 88 axentes, 131 brigadas, 79 motobombas, 11 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 18 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo o incendio en Oímbra-A Granxa e Xinzo de Limia Gudín

O martes 12 iniciouse no concello ourensán de Oímbra, parroquia da Granxa, un incendio forestal que se uniu con outro rexistrado o pasado venres ás 17.22 horas na localidade ourensá de Xinzo de Limia, Gudín. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie estimada de 12.000 hectáreas, parte delas nos concellos de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza e Trasmiras.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 18 técnicos, 83 axentes, 117 brigadas, 78 motobombas, 2 pas, 5 unidades técnicas de apoio, 17 helicópteros e 29 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo o incendio da Mezquita-A Esculqueira

Desde as 09.42 horas do martes está activo o incendio forestal que se iniciou no concello ourensán da Mezquita, parroquia da Esculqueira e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta arredor de 10.000 hectáreas en territorio galego. Este lume afecta tamén aos municipios da Gudiña e Viana do Bolo; así como a territorio da provincia de Zamora.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 6 técnicos, 28 axentes, 31 brigadas, 30 motobombas, 4 pas, 1 tractor, 4 unidades técnicas de apoio, 11 helicópteros e 15 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME). Tamén colaboraron nas tarefas de extinción medios terrestres portugueses.

Activo o lume en Vilardevós-Vilar de Cervos

Está activo desde o mércores ás 18.09 horas o incendio no concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervos, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 900 hectáreas.

Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 18 axentes, 13 brigadas, 14 motobombas, 3 helicópteros e 5 avións.

Activo o lume en Vilardevós-Moialde 

Na tarde deste xoves reactivouse o incendio forestal do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Moialde, que se iniciou ás 16.05 horas do luns. Afecta, segundo as últimas estimacións provisionais, arredor de 500 hectáreas.

Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 4 técnicos, 21 axentes, 35 brigadas, 21 motobombas, 3 pas, 10 helicópteros e 6 avións.

Activo o lume en Vilardevós-Fumaces e A Trepa

Activo desde as 17.41 horas do xoves o incendio forestal no concello de Vilardevós, parroquia de Fumaces e a Trepa, que segundo as últimas estimacións rolda as 100 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 2 axentes, 8 brigadas, 6 motobombas e 3 avións.
 

 

Activo o incendio en Larouco-Seadur

Desde as 18.55 do mércores está activo o incendio no concello de Larouco, parroquia de Seadur, que segundo as últimas estimacións afecta arredor de 12.000 hectáreas en territorio galego, no propio concello de Larouco e nos de Petín, Quiroga, A Rúa, Vilarmartín de Valdeorras, Rubiá e O Barco de Valdeorras.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 26 técnicos, 78 axentes, 101 brigadas, 83 motobombas, 10 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 9 helicópteros e 9 avións. Neste lume mobilizáronse efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Activo o incendio de Carballeda de Avia-Vilar de Condes e Beade-As Regadas

O venres ás 16.38 horas iniciouse o incendio forestal do concello ourensán de Carballeda de Avia, parroquia de Vilar de Condes. Ese mesmo día, ás 18.16 rexistrouse outro na localidade ourensá de Beade, parroquia de As Regadas. Os dous lumes uníronse nun só lume, que permanece activo e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 2.500 hectáreas.

Mobilizáronse para a súa extinción, de xeito acumulado, 3 técnicos, 35 axentes, 56 brigadas, 35 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 11 avións.

 

Activo o lume en San Cibrao das Viñas-Rante

Activo desde as 14.30 horas de onte un incendio forestal no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, parroquia de Rante, que segundo as últimas estimación supera as 60 hectáreas.

Na súa extinción participaron, de xeito acumulado, 1 técnico, 10 axentes, 23 brigadas, 15 motobombas, 2 helicópteros e 4 avións.

Estabilizado o de Montederramo-Paredes

Segue estabilizado desde as 10:35 horas do martes o incendio forestal do concello ourensán de Montederramo, parroquia de Paredes, que se iniciou o luns ás 04:50 horas e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 120 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 7 avións. 

Controlado Verín-Mourazos

Esta controlado, desde as 01:01 horas do martes, o incendio forestal do concello ourensán de Verín, parroquia de Mourazos, iniciado ás 13:15 horas do luns.

A superficie afectada estimada provisional é de arredor de 9 hectáreas e, para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 7 axentes, 9 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 3 helicópteros e 6 avións.

Nos termos municipais de Verín e de Laza tamén miran os bosques e os montes que os rodean con temor e tristeza.

O lume que comezara o luns en Mourazos, en Verín, mantense controlado tras arrasar arredor de nove hectáreas, pero algúns dos grandes incendios activos na provincia de Ourense, como o iniciado en Chandrexa e o de Oímbra, afectaron e seguen queimando o seu territorio.

"Ardeu toda a serra que nos separa do monte de Vences. Logo o incendio no monte Meda pasou ao termo de Laza xa todo. Ardeu para a zona de Souteliño. Agora está baixando para Retorta", explica un veciño.

"Quen non ten medo vendo as lapas que había aí?", pregúntase retoricamente outro residente na zona.

Os veciños agradecen a intervención da Unidade Militar de Emerxencias e do Grupo de Emerxencias Supramunicipal.

"Grazas á UME porque senón é pola UME aquí asámonos. E grazas tamén ao GES de Laza, que onte e hoxe non pararon", subliña un home.

"Agradecidos porque se non isto non hai quen o pare. Está moi seco todo e non hai limpeza. Iso é o que pasa", engade outro.

Explican que eles tamén están facendo o posible para protexer as súas vivendas.

"Axudar a apagar cando vén moi preto da casa, aínda que co fume hai que recollerse", conta un dos homes.

"Se estás preto da casa podes apagala, pero se marchas da casa cando volvas igual a tes queimada, como pasou na Caridade e noutros puntos", advirte o outro.

A veciñanza dos concellos de Laza e de Verín segue baixo aviso, a través da ferramenta ES-Alert, de que evite viaxes innecesarias e quede na casa.

Na provincia de Pontevedra estabilizouse o incendio de Agolada-O Sexo

Ás 12.34 horas de hoxe quedou estabilizado o incendio forestal do concello de Agolada, parroquia do Sexo, que se iniciou o pasado venres e o cal, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 400 hectáreas.

Neste lume foi preciso activar a Situación 2, medida adoptada de forma preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Sexo. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 3 técnicos, 15 axentes, 29 brigadas, 31 motobombas, 2 pa, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicópteros e 2 avións.

Extinguido o de Dozón-O Castro

Extinguido ás 15.30 de hoxe o incendio forestal do municipio pontevedrés de Dozón, parroquia do Castro, que se iniciou o martes ás 14.32 horas e que afectou finalmente unha superficie de 300 hectáreas, das cales 200 se corresponden con monte raso 100 con arborado.

Neste lume decretouse a Situación 2 como medida preventiva pola súa proximidade ao núcleo de poboación do Castro, unha situación que xa foi desactivada. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 4 técnicos, 18 axentes, 30 brigadas, 41 motobombas, 2 pas, 1 unidade técnica de apoio, 5 helicópteros e 4 avións.

Extinguido o incendio da Estrada-Souto

Ás 10.34 horas de hoxe quedou extinguido o incendio forestal do concello da Estrada, parroquia de Souto, que se iniciou o domingo 10 ás 12.37 horas. Finalmente afectou unha superficie de 28,23 hectáreas, das cales 15,53 se corresponden con monte raso e 12,7 con arborado.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 1 técnico, 20 axentes, 31 brigadas, 35 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 4 helicóptero e 3 avións.

Na provincia da Coruña está estabilizado o incendio de Muxía-Nosa Señora da O

Está estabilizado ás 14.01 horas de onte o lume iniciado á 13.13 horas do venres na localidade coruñesa de Muxía, parroquia de Nosa Señora da O, que segundo as últimas estimacións afecta 23 hectáreas.

Mobilizáronse de xeito acumulado para a súa extinción 3 técnicos, 14 axentes, 28 brigadas, 14 motobombas e 1 helicóptero.

En Muxía, o lume declarado o venres queimou vinte e tres hectáreas no monte de Quintáns e achegouse ás casas do lugar de Pardiñas, pero nas últimas horas a situación mellorou notablemente. Durante este domingo os traballos centráronse en refrescar a superficie calcinada para evitar a reactivación das lapas.

Os veciños identificaron polos tres focos dun lume que se estendeu con rapidez desde Quintáns á parroquia de Nosa Señora da O. 

"Empezou en Quintáns e de súpeto apareceu aquí. Chegou ata as leiras do millo", indica unha das veciñas de Pardiñas. 

A intervención dos gandeiros foi de gran axuda para conter o avance do incendio.

"Os veciños coas cisternas e os gandeiros cos tractores foron os que axudaron a calmar isto un pouco. E ademais proporcionáronlles auga ás motobombas que viñeron despois", explica un veciño de Quintáns.

A estrada comarcal que vai cara a Ponte do Porto recuperou a circulación logo de permanecer pechada ao tráfico durante a aproximadamente doce horas. Os veciños agardan poder durmir despois de dúas noites en vela.

Controlado o incendio de Toques-San Martiño de Oleiros

Ás 00.20 horas de hoxe quedou controlado o lume iniciado ás 18.49 horas deste xoves no concello coruñés de Toques, parroquia de San Martiño de Oleiros. Neste lume, que segundo as últimas estimacións rolda as 320 hectáreas afectadas, tívose que activar a Situación 2 pola proximidade ao núcleo de Penagundín, medida xa desactivada.

Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado, 3 técnicos, 19 axentes, 34 brigadas, 33 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 2 avións.

Na provincia de Lugo está estabilizado o do Saviñao-Chave

Desde as 00.55 horas está estabilizado o incendio do concello lucense do Saviñao, parroquia de Chave, que se iniciou onte ás 15.00 horas e o que, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de arredor de 60 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse de xeito acumulado 4 axentes, 13 brigadas, 12 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións.

Estabilizado o incendio en Cervantes-Vilarello

Está estabilizado desde onte ás 22.35 horas un lume rexistrado ese mesmo día ás 05.27 horas no concello lucense de Cervantes, parroquia de Vilarello, que segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de arredor de 150 hectáreas.

Para a extinción do incendio mobilizáronse de xeito acumulado 7 axentes, 16 brigadas, 15 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Quedou estabilizado o incendio dos Ancares, despois dun lume que comezou a madrugada deste sábado a poucos metros da aldea de Comeal, no concello de Cervantes.

Os veciños desta localidade non dubidan da intencionalidade dos mesmo despois de escoitarn unhs detonacións que precederon aos diversos focos que, segundo nos contan, iniciaron o lume sobre as cinco e media da mañá.

Malia os esforzos dos equipos de extinción e o dos voluntarios, o lume arrasou con máis de cento cincuenta hectáreas. 

O lume está estabilizado pero continúa o fume e, tamén, a cinsa en suspensión que fai o aire irrespirable.

Controlado o incendio da Fonsagrada-Monteseiro

Permanece controlado desde as 14.42 horas do domingo 10 de agosto o incendio forestal do concello lucense da Fonsagrada, parroquia de Monteseiro, que se iniciou ás 15.30 horas do martes día 5 e que, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 150 hectáreas.

Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 6 técnicos, 73 axentes, 98 brigadas, 102 motobombas, 3 pas, 8 helicópteros e 8 avións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade