Netanyahu paraliza a reforma xudicial apertado polas protestas masivas en Israel
Netanyahu paraliza a reforma xudicial apertado polas protestas masivas en Israel
O Goberno de coalición israelí aclara que é unha paralización temporal pero non a suspensión definitiva
O primeiro ministro israelí Benjamin Netanyahu anunciou este luns que paraliza temporalmente a tramitación da polémica reforma xudicial para tratar de chegar a un consenso coa oposición ante a gran contestación social que suscitou as maiores protestas da historia de Israel.
"Por responsabilidade nacional, decidín suspender a segunda e terceira lectura da lei nesta sesión do Parlamento para dar tempo a tratar de chegar a un acordo amplo, en preparación para a lexislación durante a próxima sesión parlamentaria", declarou nunha mensaxe televisada.
O primeiro ministro non abandona por completo o proxecto e agarda que saia adiante nos vindeiros meses. O Goberno israelí cedeu finalmente á presión das rúas, que viviron nas últimas horas protestas multitudinarias en contra da súa polémica reforma xudicial.
Despois dunha xornada de reunións cos seus socios de Goberno, o primeiro ministro Benjamin Netanyahu anunciaba esta tarde que atrasaba a reforma aínda que deixando claro que non se trataba de suspendela definitivamente.
As mostras de descontento multiplicáranse en todo o país para pedir que se paralizase unha reforma que resta poderes á Corte Suprema en beneficio do Parlamento e, entre outras cousas, dificultaría a inhabilitación do xefe do Goberno, nun momento en que o propio Netanyahu está sendo investigado por suborno e fraude.
O propio ministro de Defensa pedira xa a paralización da reforma logo de que moitos reservistas do exército se negaran a realizar determinados labores. A decisión de Netanyahu de destituílos levou á convocatoria dunha folga xeral que logrou paralizar hoxe o aeroporto de Ben Gurion, o máis importante de Israel.
Pouco antes de coñecerse a decisión de Netanyahu, os seus seguidores fixeron tamén unha demostración de forza nas rúas para deixar claro que están a prol da polémica reforma xudicial.
O maior aliado de Israel, os EUA, mostrou tamén a súa preocupación polos acontecementos do pais e asegurou que os valores democráticos eran a base da súa relación bilateral.
Reaccións políticas
O presidente do Estado de Israel Isaac Herzog pedira ao Goberno que detivera "de inmediato" a reforma ante a crecente crispación e deu a benvida ao paso tomado polo primeiro ministro . Asegurou que "parar a lexislación era o correcto".
Pola súa banda, o líder da oposición Yair Lapid reaccionou con certo escepticismo ao anuncio de Netanyahu, pero recalcou que está disposto a "iniciar un diálogo" con mediación presidencial que se materialice nunha "constitución segundo os valores da Declaración de Independencia".
O exministro de Defensa e líder do partido de Unidade Nacional Beny Gantz tamén celebrou o paso de Netanyahu e reiterou a súa intención de negociar co Executivo para lograr un consenso en relación á reforma.