Publicador de contidos
Publicador de contidos

Netanyahu: "Entraremos en Rafah e eliminaremos os batallóns de Hamas con ou sen acordo"

Netanyahu: "Entraremos en Rafah e eliminaremos os batallóns de Hamas con ou sen acordo"

O primeiro ministro israelí reuniuse con familiares de secuestrados e vítimas do ataque do 7 de outubro

G24.gal 30/04/2024 15:58

"Entraremos en Rafah e eliminaremos aos batallóns de Hamas alí, con ou sen acordo" de tregua, asegurou o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu durante unha reunión con familiares de secuestrados e vítimas do ataque do 7 de outubro.

As súas palabras chegan cando Hamas estuda a última proposta de tregua dos mediadores no Cairo, e que contempla un cesamento do fogo de 40 días e a liberación de miles de presos palestinos a cambio de reféns en Gaza, segundo medios israelís.

"A idea de que pararemos a guerra antes de alcanzar todos os seus obxectivos está fóra de toda discusión", dixo o mandatario na reunión, en alusión ás tres finalidades repetidas nestes case sete meses de guerra: devolver os reféns, acabar coa forza militar de Hamas e lograr que Gaza deixe de ser unha ameaza para Israel.

O ministro de Seguridade Nacional e colono Itamar Ben Gvir, ameazou este martes de novo con romper o Executivo de coalición se Netanyahu decide non invadir Rafah e accede a negociar con Hamas.

"Advertín o primeiro ministro [das consecuencias], Deus non o queira, de que Israel non entre en Rafah, Deus non o queira, de que poña fin á guerra, Deus non o queira, de que haxa un acordo temerario”, dixo Ben Gvir nun discurso distribuído polas redes sociais.

Pola súa banda, o líder da oposición, Yair Lapid, condenou as palabras de Ben Gvir, pediu a súa dimisión e lamentou que Israel fose un "refén de tolos irresponsables", en referencia aos dous partidos ultranacionalistas que se opoñen a un acordo para a liberación dos reféns.

"Non podes seguir así. Un ministro con antecedentes penais (Ben Gvir) está na Oficina do primeiro ministro e ameázao con consecuencias se non fai o que lle di". 

Organizacións internacionais e gran parte da comunidade internacional, incluídos os Estados Unidos, advirten de que unha ofensiva contra Rafah suporía unha catástrofe humanitaria aínda maior que a que xa están a sufrir os palestinos no enclave, con escaso alimento, auga potable e un sistema sanitario devastado.

En Rafah malviven 1,4 millóns de gazatís, a maioría desprazados durante unha guerra na que xa morreron máis de 34.500 persoas en 207 días de ofensiva.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade