Publicador de contidos

Nenos da Illa de Arousa recuperan a tradición de pedir por defuntos

Nenos da Illa de Arousa recuperan a tradición de pedir por defuntos

"Unha esmoliña polos defuntiños que van alá!!", piden os nenos

Escolares da Illa de Arousa percorren a vila neste día de Defuntos
G24.gal 02/11/2021 17:34

Na Illa de Arousa este martes un bo número de escolares faltaron ás clases. Neste caso para participar nunha tradición que se recuperou no concello nestes últimos anos: a da pedir polos defuntos.

"Unha esmoliña polos defuntiños que van alá!!", piden os nenos. Os pequenos xúntanse en grupos como fan Carlos, Xandre e Alén para ir pedir por bares, casas e comercios igual ca se facía en tempos.

"Antes dábanlles patacas, pesetas, mandarinas, pero 'chuches' case ningunha daban", explica unh muller.

Os locais comerciais e tamén os veciños, coma Eligia, participan de cheo na actividade. "Todos os anos se fai, cando eu era pequeniña tamén se facía. E queremos que non se perda a tradición, sobre todo nos máis pequenos", 

"E cada ano é un pouco máis e como ano pasado non se puido facer polo tema da covid, este ano foi un bum".

Este vez, amais de ir pedir, recuperaron o costume de facer as bolboretas, as candeas de aceite, que se acendían neste tempo nas casas e os camposantos. E no colexio da Torre propuxéronlles aos alumnos que investigasen que outras tradicións había aquí arredor do medo e a morte. "Chámome Pablo e voulle facer unha entrevista á miña avoa sobre o Día dos defuntos. Que tipo de trasnadas facíades o Día dos defuntos?", conta un dos pequenos.

En tradición viva, a Illa segue sendo todo un mundo. Agora o reto é que os agasallos non sexan só lamberetadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar