Multitudinario funeral de estado para despedir a Charlie Kirk
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump e o vicepresidente J. D. Vance acudiron ao memorial
O funeral deu mostra da conmoción que o asasinato de Kirk causou no país
"Construíndo un legado, recordando a Charlie Kirk" ese é o lema do funeral que superou todas as previsións de asistencia no estadio de Arizona, con capacidade para 73.000 persoas . Cunha seguridade extrema, milleiros de persoas despediron ao lider xuvenil MAGA asasinado o 10 de setembro pasado.
Fóra do estadio de Glandale constatábanse as probas de que ducias de miles de persoas agardaron para poder entrar, despois de fortes medidas de seguridade. No interior, un escenario propio dunha estrela do pop estadounidense. O evento, retransmitido tamén por televisión congregou os simpatizantes de Kirk, fundador dunha organización coñecida por promover unha axenda política conservadora fortemente aliñada con Trump.
O Departamento de Seguridade Nacional dos Estados Unidos clasificou esta homenaxe cun nivel 1, o máis alto a nivel federal, equivalente ao que se aplica en eventos como a Super Bowl. Todos os asistentes pasaron por escáneres de seguridade que permitían só bolsas transparentes e de tamaño reducido. Durante o acto, Trump, o vicepresidente Vance e a muller do falecido, interviñeron rodeados de artistas que reforzaron as mensaxes sobre os valores tradicionais e o patriotismo. Un evento que transcendeu o ámbito persoal, deixando patente a influencia e o impacto que o asasinato de Charlie Kirk deixou na sociedade estadounidense.