Multado con 3.000 euros por increpar un árbitro menor de idade nun partido de fútbol
O espectador sancionado non poderá acceder a ningún recinto deportivo durante 6 meses
A Comisión Galega de Control da Violencia resolveu outro expediente por un incidente similar rexistrado durante un campionato de kaiak cros
Arquivo
A Comisión Galega de Control da Violencia acordou sancionar a dous espectadores por incidentes rexistrados durante senllos partidos de futbol. Un deles foi multado con 3.000 euros por increpar un árbitro menor de idade nun partido de fútbol. Ademais, segundo a Secretaría Xeral para o Deporte, prohíbeselle acceder a calquera recinto deportivo durante 6 meses.
O segundo expediente abriuse a un espectador, tamén nun partido de fútbol, por recriminar un xogador. No seu caso, considérase unha infracción leve e a multa é de 600 euros, ademais da prohibición de entrar en recintos deportivos durante dous meses.
Por outra banda, a Comisión decidiu abrir un novo expediente sancionador, neste caso, pola comisión dunha infracción no marco dun campionato de kaiak cros, por parte de persoas do público asistente contra un participante menor de idade.
O secretario xeral para ou Deporte, Roberto García, puxo en valor a responsabilidade da comisión en salvagarda dos "valores esenciais do deporte".