Publicador de contidos

Publicador de contidos

Mozos de cinco nacionalidades peregrinan a Santiago para fomentar o voto nas eleccións europeas

Mozos de cinco nacionalidades peregrinan a Santiago para fomentar o voto nas eleccións europeas

Nos últimos catro días, 88 mozos de toda Europa percorreron xuntos 115 quilómetros do Camiño Francés, entre Sarria e Santiago

G24.gal 18/03/2024 15:03 Última actualización 18/03/2024 19:42

Teñen entre 16 e 18 anos e proceden de cinco países europeos: España, Portugal, Alemaña, Romanía e Bulgaria.

Nos últimos catro días percorreron xuntos 115 quilómetros do Camiño Francés, entre Sarria e Santiago, nunha iniciativa da Oficina do Parlamento Europeo en España, que ve nesta ruta un símbolo dos valores da Unión.

"Teñen en común valores e o sentido de que é importante participar na vida democrática, hai que empezar dende pronto: son moitos primeiros votantes", explica a responsable de Xuventude e Educación da institución europea en España.

Unha mensaxe que estes 88 mozos levaron ao seu paso polo Camiño. 

"Estamos unidos na diversidade, podemos convivir perfectamente e aprender en enriquecernos", asegura unha rapaza de Albacete.

Para unha moza alemá esta é: "Unha experiencia moi especial para min, porque eu veño desta terra, cerca de Ourense".

Outra compañeira resume: "Imos todos xuntos, e se alguén queda atrás temos que axudalo, igual que na Unión Europea".

Un símil que despois confirmaron os eurodeputados galegos, que lles trasladaron aos mozos a importancia do que se decide en Bruxelas.

Para Francisco Millán Mon, do PP: "A UE non só se ocupa dos grandes temas, tamén dos que afectan os cidadáns: a vacina, o emprego, a solidariedade cos ucraínos".

O europarlamentario socialista Nicolás González Casares explica: "Bruxelas tramita a meirande parte, máis de dous terzos, do que se traspón na lexislación nacional. Por tanto, as decisións que se toman son importantes". 

Dende Bruxelas participou por videoconferencia a representante do BNG: "Decide moitísima lexislación obre as nosas vidas, por iso temos que ter voces alí que nos representen como cidadáns, como pobos e como seres humanos".

Os mozos regresan aos seus fogares convertidos en embaixadores da próxima cita europea coas urnas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade