Publicador de contidos

Publicador de contidos

Motos de auga e barcos de recreo, baixo a lupa da Garda Civil

Motos de auga e barcos de recreo, baixo a lupa da Garda Civil

A campaña especial de inspección desprégase por todo o litoral ata o 15 de setembro

O obxectivo é concienciar e previr accidentes nas embarcacións de recreo

 

G24.gal 10/07/2025 14:19

A metade dos accidentes que se producen no mar durante o verán teñen as embarcacións de recreo como protagonistas. Por iso a Garda Civil intensifica nestes meses as inspeccións flotantes cunha campaña especial da que non escapan as motos de auga.

"Son embarcacións que non levan equipos de navegación e tampouco requiren unha titulación moi avanzada. Pode levalas xente con coñecementos moi básicos e son moi rápidas, chegan ás praias de xeito moi veloz, e pode haber bañistas", explica Miguel Vázquez Paz, sarxento primeiro da Garda Civil.

As motos teñen que deixar 50 metros de distancia con barcos ou boias, e navegar a 200 metros das zonas de baño, respectando a zona balizada. Os pilotos teñen que pasar un control documental e contar unha titulación básica, se non van acompañados dun monitor.

"Xa vemos que levas o chaleco, tes aí tamén un autocolante onde se especifican as medidas de seguridade. Pásame agora a documentación", dille o sarxento ao condutor dunha moto náutica.

Os iates de recreo tamén están no radar dos axentes, que fan especial fincapé en que chalecos, extintores ou a inspección técnica da embarcación estean ao día. De feito estas son as infraccións máis frecuentes, xunto ás derivadas do exceso de confianza ou do consumo de alcohol a bordo.

"Reducir a inxestión de alcohol, ter coidado cos tripulantes especialmente se son nenos, ou mirar o combustible antes de saír... Son precaucións moi básicas, pero moitos non as teñen en conta e acaban sendo motivo recorrente de accidentes marítimos no verán", engade Antonio Fuentes Espadas, tenente do servizo patrulleiro da Garda Civil da Coruña.

A campaña prolóngase ata o 15 de setembro por todo o litoral galego. A idea é que a seguridade e o desfrute sexan compatibles na auga e que ningún susto estrague unha agradable xornada da navegación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade