Primeiro día de campamento: ilusión e nervios a partes iguais
Comezan os campamentos de verán da Xunta que para moitos nenos e nenas é a súa primeira experiencia lonxe dos pais
"Son uns días inesquecibles para os nenos, pero tamén uns días moi necesarios para os pais", explica Fabiola García
"Nerviosas, pero emocionadas", comenta unha nai. Había moitos nervios, sobre todo entre os rapaces que viñan por primeira vez a un campamento, pero tamén entre os pais que nunca antes se separaron deles. "É a primeira vez que se separa de nós e a ver"; "Sempre pensamos que non se van adaptar e eles, ao final veñen a pasalo bomba, seguro que a ela dez días pásanlle coma un e a nós coma un mes", apuntan outros.
Por diante espéranlles 10 días moi intensos cheos de actividades. No albergue xuvenil de Furelos a natureza é a protagonista.
"Están moi orientadas ao Camiño de Santiago, que pasa por aquí ao carón, e temos tamén algunha actividade acuática, pero principalmente son sendeirismo e actividades máis de montaña", explica Cristian Márquez, do Albergue Xuvenil de Furelos.
E que esperan eles destes días: "Non sei, espero pasalo ben"; "facer amigos e divertirse", comentan os rapaces.
Esta campaña de verán está pensada para os rapaces, pero tamén para os pais. "Queremos que o pasen ben, que desfruten. Son uns días inesquecibles para os nenos, pero tamén uns días moi necesarios para os pais", explica Fabiola García, conselleira de Política Social e Xuventude.
"É unha liberación saber que tes os nenos nun sitio onde van estar coidados, van estar ben, o van pasar fenomenal e cando veñas recollelos seguramente non quererán vir para a casa xa" apunta unha das nais. A primeira quenda comeza hoxe, a última rematará o 4 de setembro.