Millán Mon: "Hai que pedir a suspensión cautelar sobre a pesca de fondo no recurso"
Os servizos informativos de Televisión de Galicia comezan a emitir unha serie de entrevistas cos eurodeputados galegos. En Estrasburgo, conversou esta mañá no 'Bos días' o redactor xefe dos Servizos Informativos e TVG, Marcos Sueiro, co eurodeputado do PP Francisco Millán Mon.
Millán Mon comezou a conversa facendo unha broma ao referirse á moita actividade que sempre hai no Parlamento Europeo en Estrasburgo: "Debería chamarse 'Estresburgo'", dixo.
O primeiro tema que se tratou foi a pesca: as restricións para a pesca de fondo e a cota de pescada. O eurodeputado do PP dixo que "é unha boa noticia o aumento do 84 % da cota de pescada, pero creo que só para o 2022, chega un pouco tarde, o mellor sería que chegase uns meses antes". Esta boa noticia, di, "non compensa a mala noticia da pesca de fondo".
Millán Mon, que pertence ao Grupo Popular Europeo, di que desde o Parlamento Europeo se "fixeron bastantes cousas" ao respecto. Relata que xa falaron co "comisario na comisión de pesca do 12 de xullo e criticamos moito a medida, pedímoslle ao comisario que había que facer unha moratoria da decisión, que non a adoptasen".
"No recurso hai que pedir como medida cautelar a suspensión", di Millán Mon
Explica Francisco Millán Mon que a última vez que falaron co comisario de Pesca foi "hai 10 días. Votamos una emenda que presentamos nós, o Grupo Popular Europeo; esta emenda triunfou parcialmente. Presentamos unha demanda contra o veto de pesca de fondo. Seguimos traballando nisto e o xoves esperamos que compareza no pleno o comisario europeo, se pode, a petición dos grupos".
Se a Comisión non suspende a medida, di o eurodeputado popular, "o único remedio é xa o recurso xudicial ante o tribunal. O ministro, despois duns titubeos, está disposto xa a ir ao Tribunal. Penso que o recurso hai que presentalo canto antes. E nese recurso pedir como medida cautelar a suspensión. Tamén penso que o mellor sería que se pedise o que se chama o 'procedemento acelerado', para que non se alongara demasiado."
"O comisario de pesca tivo que ter máis sensibilidade", di Millán Mon
O comisario, lamenta Millán Mon, "tiña o mando do regulamento de 2016 sobre pesca en augas profundas, para limitar a pesca de fondo entre 400 e 800 metros nunhas áreas mariñas vulnerables, pero sobre a base do mellor ditame científico e técnico. Pero o ditame é moito máis matizado, di que das artes fixas non coñecen o impacto, pero o comisario tira para diante e non fai distinción" entre artes fixas e móbiles.
Lamenta o eurodeputado do PP que "non houbo consultas adecuadas co sector de pesca, non houbo sensibilidade cos gobernos, porque son catro os gobernos implicados: Francia, España, Portugal e Irlanda. Cando o comisario formula a proposta, hai dous países que din que "non están de acordo", Irlanda e España; Francia abstense e só Portugal di que si. Que importan que outros países como Hungría ou Chequia digan que si se eles non pescan. Nove estados abstivéronse, dous en contra, outro nin participa que é Italia... o comisario tivo que ter máis sensibilidade".
"Os orzamentos europeos veñen moi condicionados polo marco financeiro plurianual"
"Aquí os orzamentos veñen moi condicionados polo que se chama 'marco financeiro plurianual'", di Millán Mon. Significa que os presupostos son deseñados cada sete anos, en función dos programas previstos.
"Ao final hai que dividir esa grande cantidade por sete. As diferenzas non son grandes. Estamos a falar duns 187.000 millóns de euros. Nós queremos un pouco máis para facer fronte aos problemas de Ucraína, tamén para os agricultores mozos na PAC; tamén queremos que haxa fondos xa para Moldavia e Ucraína como países candidatos á anexión. Pero as diferenzas non son tan grandes entre o Consello e o Parlamento", explica o eurodeputado.
"A guerra de Ucraína é unha traxedia"
"A guerra de Ucraína é unha traxedia, para Ucraína pero tamén para os que estamos en Europa e pensamos que estabamos noutro tempo e que as guerras europeas é unha cousa do pasado e que estabamos na primacía do dereito internacional, da paz, dos intereses económicos e que non podía haber sangue de novo no solo europeo".
Sobre a guerra en Ucraína salienta o eurodeputado que "hai un grandísimo consenso europeo, o cal é bo. É unha guerra tan inxustificada, tan cruel, tan claramente ilegal que non hai dúbidas".
"O Camiño está estreitamente vinculado a Europa e no Parlamento estamos a facer xustiza a iso"
Sobre este ano especial, o de dobre Xacobo, explica o eurodeputado do PP que preside en Estrasburgo un intergrupo sobre o Camiño de Santiago. Aclara que son catorce ou quince eurodeputados na asociación, "herdeira do intergrupo que xa tiña Xerardo Fenandez Albor, e celebramos aquí o Xacobeo. Son eurodeputados de Chequia, Hungría, Portugal, Italia, Francia... Tamén celebramos este xacobeo este mes de xuño en Santiago. Este é un parlamento moi ligado ao camiño. Na entrada do Parlamento temos unha mouteira que trouxo o conselleiro Román Rodríguez hai uns tres anos, que foi un agasallo de Feijóo ao daquela presidente do Parlamento Europeo, Antonio Tellani".
Para rematar, Millán Mon explica que presentou "hai uns días unha emenda para unha mellor señalización dos camiños en toda Europa. O Camiño está estreitamente vinculado a Europa e no Parlamento estamos a facer xustiza a iso".