Mellora a situación en Vilardevós despois de que o lume arrasara máis de 1.500 hectáreas
Os ocupantes da residencia-fogar da terceira idade do concello estiveron confinados este domingo
Non houbo danos directos en vivendas e explotacións gandeiras, pero si moitas perdas de forte impacto ecolóxico
Vilardevós revive agora o sucedido nos primeiros días de agosto, cando o nome deste concello ourensán figuraba xa na lista dos incendios significativos. Neste territorio fronteirizo con Portugal coincidiron esta fin de semana tres frontes de lume: as de Vilar de Cervo, Moialde e Fumaces. Van queimadas, en total, máis de 1.500 hectáreas.
"Moi duro, a verdade, desolador. Levamos moitos días, todo o mundo esgotado e esgotada, pero onte vivíronse momentos de moita tensión", sinala a alcaldesa, Eva Pérez, aludindo a que este sábado viviron unha situación particularmente difícil.
Vilardevós amencía esta mañá coa nova de que quedaban confinados os 28 usuarios do seu fogar-residencia e ademais suspendeuse a actividade como centro de día ata novo aviso. Na tarde deste domingo, as perspectivas sobre os incendios melloraban con respecto á mañá e, de feito, apagáronse novos focos de lume.
"Finalmente, ata o de agora non temos ningunha casa habitada que teñamos que lamentar, ningunha granxa tampouco, porque entendo o traballo da xente. Si moitos soutos de castiñeiros, que neste concello a moita xente iso repórtalle unha economía extra", conclúe Eva Pérez.
Os danos referidos ao patrimonio natural e ecolóxico son efectivamente moi importantes. Nalgúns casos tardaríanse décadas en recuperar o arrasado. E como contraste, unha nota positiva: ao longo da xornada reabríanse os accesos na autovía A-52 ao seu paso por este concello