Rexístrase un leve aumento de contaxios pero mellora a situación hospitalaria

A evolución da pandemia en Galicia continúa estable aínda que nas últimas horas un leve aumento nos contaxios fixo que os casos activos deixaran de descender, como viña acontecendo desde principios de agosto.
Segundo os últimos datos facilitados este domingo pola Consellería de Sanidade detectáronse 34 casos novos, co que aumenta a 415 o número de persoas que sofren a enfermidade, dúas máis ca onte.
A situación hospitalaria si mellorou, cun paciente menos en planta. Nas UCI mantéñense os 7 ingresos que hai desde o venres. Por áreas sanitarias, todas reflicten datos similares ao día anterior.
Desde o inicio da pandemia contaxiáronse en Galicia 182.933 persoas, das que se curaron 179.903 e faleceron 2.649.
Galicia deixou de estar en situación de emerxencia sanitaria tras a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do decreto que levanta esa condición, en que levaba desde marzo de 2020.