Notifican catro mortes por covid en Galicia nunha xornada con aumento de ingresos
Catro novos falecementos elevan as vítimas da pandemia en Galicia a 2.770 persoas
Hai 360 enfermos hospitalizados por covid, (+27), deles 52 nas UCI, (+2)
Os contaxios baixan dos 5.000 tras tres xornadas por riba desa cifra
Galicia segue a rexistrar marcas históricas na incidencia da pandemia de coronavirus nas primeiras 24 horas de 2022, pero algúns dos datos reflicten unha certa contención do avance exponencial do virus. As infeccións activas ás 18:00 horas do sábado son 48.273, (+2.300), unha cifra de incremento menor á do día previo, que superaba en máis de 4.000 a suba respecto á xornada anterior.
Os positivos diarios baixan dos 5.000 despois de tres días por riba desa cifra e na primeira xornada do ano son 3.414, o que supón 1.632 menos que 24 horas antes. A taxa de positividade das PCR é do 24,72 %. Continúa moi por riba do 5 % que fixa a OMS para dar por controlada a pandemia.
O dato máis negativo da xornada aparece nos ingresos. Hai 360 enfermos ingresados por covid nos hospitais galegos, que son 27 máis que o día anterior. Son 308 as persoas hospitalizadas en planta (+25) en illamento e 52, (+2) os doentes que precisan atención nas UCI.
O Sergas notifica este domingo o falecemento desde o día 29 de decembro de catro persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Todos permanecían ingresados no Complexo Hospitalario de Vigo.
O mércores 29 morría un home de 84 anos. O xoves 30 falecían un home de 79 anos e outro de 80. E o venres 31 producíase o deceso do máis novo deles, outro home neste caso de 54 anos.
Situación por áreas sanitarias
Os novos contaxios redúcense en todas as xerencias hospitalarias e ningunha delas supera o milleiro de positivos en 24 horas. Vigo segue por riba dos 11.000 casos activos de covid e supera os 80 enfermos ingresados en planta. Santiago xa ten máis de 9.000 persoas contaxiadas co virus.
A carga asistencial só descende en Pontevedra.
Vigo: 11.831 (+514)
A Coruña: 8.646 (+440)
Santiago: 9.140 (+498)
Pontevedra : 6.243 (+168)
Ourense: 5.119 (+229)
Lugo : 4.330 (+286)
Ferrol: 2.964 ( +225)