Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marlaska non se retracta das palabras polas que o xuíz Peinado o demandou

Marlaska non se retracta das palabras polas que o xuíz Peinado o demandou

O xuíz Juan Carlos Peinado, que dirixe a investigación contra Begoña Gómez, demandara ao ministro do interior en setembro considerando que este vulnerou o seu dereito ao honor nas críticas vertidas contra el, como xa fixera con outros ministros e medios de comunicación

Neste acto de conciliación ao que Fernando Grande-Marlaska non acudiu, o xuíz ten varias vías de actuación, pero ao tratarse dun ministro o seu aforamento require da súa disolución no Tribunal Supremo 

Imaxe do ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska na sesión de control ao Goberno no congreso dos deputados en Madrid - EduardoParra/EuropaPress Imaxe do ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska na sesión de control ao Goberno no congreso dos deputados en Madrid - EduardoParra/EuropaPress
G24.gal 10/12/2025 12:16

O ministro do Interior Fernando Grande-Marlaska non acudiu este mércores ao acto de conciliación, no que tiña a opción de retractarse das palabras polas que o xuíz Juan Carlos Peinado anunciou unha demanda por vulnerar o seu dereito á honra, de maneira que o acto quedou sen efecto e a demanda seguirá adiante.

O acto de conciliación estaba previsto ás once da mañá deste mércores no Xulgado de Primeira Instancia número 89 de Madrid, despois de que o pasado 29 de outubro tivese que suspenderse por unha incidencia na notificación. Ao non aceptar a posibilidade de conciliación, o acto quedou celebrado sen avinza ou sen efecto, informaron a EFE fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

O xuíz Peinado, que investiga a Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, demandou a Marlaska o pasado mes de setembro ao considerar que vulnerou o seu dereito á honra nas críticas vertidas contra el, como xa fixera co ministro de Transportes Óscar Puente e varios xornalistas e medios de comunicación. As demandas recaeron en diferentes xulgados de primeira instancia da capital.

No acto de conciliación o demandado pode retractarse das declaracións ou, en caso contrario, non acudir. Neste segundo caso, o xuíz pode optar por continuar pola vía civil, en defensa do seu dereito á honra, ou se decide actuar pola vía penal, por presuntos delitos de inxurias e calumnias. No caso dun ministro, como é Marlaska, o seu aforamento require que o proceso se dirima no Tribunal Supremo.

Juan Carlos Peinado dirixe desde abril de 2024 a investigación contra Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, por presuntos delitos como tráfico de influencias, corrupción nos negocios, intrusismo, apropiación indebida e malversación de fondos públicos.

A súa investigación, coutada en varias ocasións pola Audiencia Provincial de Madrid, foi duramente criticada dentro do procedemento pola Fiscalía e as defensas, pero tamén fóra, onde diferentes cargos políticos cuestionaron a actuación do maxistrado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade