Publicador de contidos

Publicador de contidos

Marián Mouriño: "Levámoslle 15 anos de vantaxe ao Deportivo"

Marián Mouriño: "Levámoslle 15 anos de vantaxe ao Deportivo"

A presidenta fixo balance da tempada e destacou o éxito deportivo da entidade, a consolidación do modelo baseado na canteira e os avances económicos e estruturais do club

Falou do patrocinio de Abanca e da rivalidade co Deportivo 

G24.gal 30/07/2026 11:06

A presidenta do R. C. Celta, Marián Mouriño, fixo balance da tempada 2025-2026. A máxima dirixente confirmou que a entidade volverá disputar competición europea, celebrou o ascenso do Celta Fortuna ao fútbol profesional e recoñeceu que o exercicio económico rematará con perdas superiores aos 10 millóns de euros.

Mouriño iniciou a súa intervención felicitando a selección española polo recente título mundial e, en especial, o dianteiro Borja Iglesias.

"Estamos superorgullosos do que representou Borja, non só no Mundial, senón tamén polos valores que transmite".

No plano deportivo, cualificou a campaña como "ilusionante, bonita e retadora" pola esixencia de competir en Liga, Europa League e Copa do Rei. A presidenta puxo en valor o traballo do corpo técnico encabezado por Claudio Giráldez e destacou a importancia dos nove canteiráns que formaron parte do primeiro equipo.

No apartado económico, Mouriño confirmou que o Celta pechará o exercicio con perdas de algo máis de dez millóns de euros debido á ausencia de grandes traspasos no mercado estival. A pesar diso, defendeu a decisión tomada pola entidade.

"Non imos vender por vender. Non nos imos obrigar a vender se o xogador e o club non estamos convencidos de que é unha boa decisión para ambas partes". 

Por último, insistiu na necesidade de continuar mellorando a saúde financeira da entidade.

"Preocúpame que o club non chegue aos números negros. Temos que facer un esforzo para deixar de dar perdas".

A presidenta tamén recoñeceu que o límite salarial diminuirá lixeiramente para a próxima campaña, aínda que garantiu que a planificación permitirá manter un proxecto competitivo. "Queremos seguir poñendo o diñeiro no verde".

Sobre o Deportivo e a rivalidade do patrocinio con Abanca.

"Non creo que loitemos polos mesmos obxectivos, aínda lles faltan catorce anos en Primeira para estar loitando polos mesmos obxectivos".

Sobre o mercado de fichaxes, confirmou que o Celta contempla incorporar tres reforzos máis, ademais das chegadas xa pechadas, pero insistiu en que o modelo deportivo seguirá priorizando a canteira fronte ás grandes incorporacións.

"Se queremos ver aos canteiráns ter oportunidades, temos que deixarlles espazo. Non podemos querer canteira, fichaxes, que non saia ninguén e que ademais todos xoguen".

A presidenta agradeceu igualmente o apoio do celtismo durante toda a tempada, especialmente nos desprazamentos europeos. Segundo explicou, o club supera xa os 44.000 celtistas entre abonados e membros das diferentes disciplinas.

"A unión co celtismo, coa cidade e coas institucións é a clave para seguir crecendo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade