Manuel Ollé: "O que se está cometendo en Ucraína é un crime de guerra e de lesa humanidade"
Sinala que o que Putin e os seus colaboradores están realizando en Ucraína é executar unha criminalidade a través do Estado
.png)
De crime de guerra e de lesa humanidade. Así cualifica as accións que Rusia está cometendo en Ucraína o avogado Manuel Ollé Sesé, experto en Dereito Penal Internacional. Ollé afirma que aínda é precipitado para tipificar o sucedido de xenocidio, pero sinala que o que Putin e os seus colaboradores están realizando en Ucraína é executar unha criminalidade a través do Estado.
"Non teño elementos para dicir se estamos ante un xenocidio pero non teño a menor dúbida de que o que se produciu é un crime de agresión, un crime de guerra e un crime de lesa humanidade; e que Putin e os seus secuaces se están convertendo en auténticos inimigos da humanidade".
Ollé explica que para falar de xenocidio é preciso demostrar que existe a intención de destruír e eliminar o pobo ucraíno e, segundo este experto, aínda é precipitado denominalo así desde o punto de vista xurídico.
Con todo, Manuel Ollé sinala que todos estes delitos —malia estaren orquestrados desde o Estado— carrean unha responsabilidade penal individual e, ao seu xuízo, todos os implicados na cadea de mando, desde o primeiro ao último, deben pagar polo sucedido.
"Todos somos iguais ante a lei penal internacional e, por tanto, non se poden agochar nin amparar nin poñer ningún obstáculo que se chame inmunidade ou inviolabilidade".
Este experto en Dereito Penal Internacional confía en que os estados colaboren co Tribunal Penal Internacional para levar ante a xustiza os responsables destes crimes e defende reformular Nacións Unidas para evitar que membros permanentes como Rusia ou A China empreguen o seu dereito de veto para bloquear as resolucións ditadas polo Consello de Seguridade da ONU.