Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza o curso para 310.000 galegos

Comeza o curso para 310.000 galegos

A fin das restricións motivadas pola pandemia e a implantación da nova lei educativa son as principais novidades

Directores de centros públicos da Coruña ven precipitada a aplicación da LOMLOE

 

G24.gal 07/09/2022 21:10 Última actualización 08/09/2022 15:05

Este xoves comeza un novo curso escolar en Galicia con máis de 310.000 alumnos matriculados en infantil, primaria, secundaria e bacharelato. O curso trae novidades pola implantación da LOMLOE e vén marcado pola fin das restricións relacionadas coa pandemia.

A implantación da nova lei educativa, a LOMLOE, tamén trae cambios en primeiro, terceiro e quinto de primaria con novos libros de texto. Tamén en secundaria haberá cambios, catro modalidades no bacharelato e novas materias na ESO. 

Neste curso 2022-2023 volve a normalidade completa ás aulas. Nin grupos burbulla, nin espazos reducidos nin máscaras, todas esas medidas decaen definitivamente neste primeiro curso pospandemia.

Este xoves regresan a estas aulas os alumnos galegos de educación infantil, primaria e secundaria. Son 311.000 en total, 5.000 menos ca o ano pasado. A implantación da nova lei educativa, a coñecida como lei Celaá, trae cambios en primeiro, terceiro e quinto de primaria con novos libros de texto. Tamén en secundaria haberá cambios, catro modalidades no bacharelato e novas materias na ESO.

Volven as presas, o caos de tráfico ás portas dos colexios, as caras de sono, a mestura de ilusión e nervios: uns volven con mais ganas ca outros.

A volta á rutina é case unha necesidade para as familias.Tamén para os profesores o comezo do curso é emprender unha nova viaxe, unha aventura. É unha xornada de tensión e nervios para eles. A queixa do persoal docente é a demora do decreto do curriculo que lles impediu preparar a programación co tempo necesario.

E dous anos despois da pandemia, por fin este curso alimínanse as máscaras, os grupos burbulla, ou a distancia de seguridade,

Cambios introducidos por Sanidade

  • Permítese que os Grupos de Convivencia Estable en educación infantil, primaria e especial interactúen en calquera situación e espazo físico. 

  • Os grupos de ESO, FP e Bacharelato poderán mesturarse en calquera situación e espazo físico. 

  • Quítase a distancia interpersoal para comedores. Acaba a recomendación de manter a distancia interpersoal e a de organizar por GCE o almorzo ou merenda en actividades matinais ou extraescolares. 

  • A ventilación natural cruzada é a opción preferente. Mentres a situación epidemiolóxica  o permita, elimínase a necesidade de que sexa permanente e recoméndase ventilar varias veces ao día, entre clases, adecuando o tempo ás características da aula. 

  • Fin á intensificación da limpeza.

A Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria aconsella ás familias

  • Realizar actividades no exterior cando as condicións climáticas o permitan. Ventilación adecuada dos interiores nos colexios. 

  • É recomendable que os menores enfermos, por exemplo, se presentaron febre a noite ou o día anterior, non acudan ao colexio ata que desaparezan os síntomas.

  • Os nenos de seis ou máis anos con síntomas catarrais leves poden usar máscara facial durante uns días, ata que os seus síntomas melloren, tanto no colexio como noutros ámbitos, para protexer a avós e outras persoas especialmente vulnerables.

  • O lavado de mans, xa sexa con xel hidroalcohólico ou con auga e xabón.

  • Tapar a boca con panos desbotables, ou ben co cóbado, ao tusir e esbirrar, para evitar que as mans sexan vehículo de transmisión de infeccións.

  • A vacinación ao día é clave contra as infeccións.

O presidente da Xunta tamén quixo compartir o primeiro día do novo curso escolar en Galicia.
Alfonso Rueda visitou o colexio de educación infantil e primaria Mestre Rodríguez Xixirei, na Lavacolla, onde destacou a importancia da volta á normalidade nas aulas tras a pandemia. Máis de 311.000 alumnos galegos volven hoxe ás clases nos case 1.600 centros educativos da comunidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar