Máis de mil cidadáns ucraínos puideron ser torturados e asasinados polas tropas rusas
O presidente dos Estados Unidos advertiu a Rusia contra a tentación nuclear
Volódimir é un dos veciños de Izium que esta fin de semana trata de identificar onde están os seus parentes, falecidos cando un bombardeo de orixe descoñecida arrasou boa parte do edificio no que vivían.
"A funeraria enterrou os corpos en bolsas, sen ataúdes. Antes non me deixaban estar aquí; os rusos dixéronme que isto estaba minado e pedíronme que agardase", comenta Volódimir Kolenski.
Volódimir polo menos sabe como morreu a súa xente querida, porque moitos outros agardan que os forenses abran as máis de 400 foxas descubertas e identifiquen os falecidos durante a ocupación rusa de Khárkiv.
"Os traballos de exhumación seguen en Izium, no sitio dos enterramentos masivos. Están examinando os cadáveres, e atopáronse novas probas de que moitas persoas enterradas alí foron torturadas. Na rexión de Khárkiv xa atopamos máis de dez lugares de tortura", afirma o presidente de Ucraína, Volódimir Zelenski.
Máis de mil ucraínos puideron ser torturados e asasinados
O comisionado de dereitos humanos do Parlamento de Ucraína foi máis aló, ao afirmar que probablemente máis de mil cidadáns ucraínos foron torturados e asasinados nos territorios liberados.
Agora, mentres a guerra segue, coas tropas rusas atrincheirándose para defender as súas posicións nas provincias de Luhansk e Donetsk, a Unión Europea coincide co presidente de Ucraína na petición de investigación e xulgamento dos posibles crimes de guerra das tropas invasoras.
Rusia di que as acusacións contra eles forman parte dunha campaña de desprestixio
As autoridades rusas negan de novo os ataques a civís no que eles chaman "operación militar especial", e engaden que as acusacións ucraínas de abusos contra os dereitos humanos forman parte dunha campaña de desprestixio.
O presidente norteamericano advirte a Putin sobre o recurso ás armas nucleares
Desde os Estados Unidos, o presidente Joe Biden advertiu a Putin contra a tentación de compensar as recentes derrotas militares recorrendo ás armas nucleares.