Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 500.000 galegos están en risco de pobreza, 180.000 menos que no ano anterior

Máis de 500.000 galegos están en risco de pobreza, 180.000 menos que no ano anterior

Son datos dun informe de EAPN Galicia

Sinalan o alugueiro como factor de empobrecemento

G24.gal 17/10/2025 16:18

Más de 500.000 residentes en Galicia estivo en risco de pobreza e/ou exclusión social en 2024, o 18,8 % da poboación. A cifra é 6,7 puntos máis baixa que a rexistrada en 2023, polo que son 180.000 galegos menos os que se atopan nesta situación.

Este é un dos datos que se desprende do informe 'O estado da pobreza en Galicia', con datos de 2024, que foi presentado este venres no Parlamento de Galicia, da man dos responsables do mesmo, a presidenta de EAPN Galicia, Ana Pardo Fernández; o director da asociación, Xosé Cuns; o presidente da Cámara galega, Miguel Ángel Santalices, e a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño.

Cuns pediu non caer en "mensaxes triunfalistas", a pesar da baixada, aínda que si comentou que hai motivos para o optimismo. Destacou que Galicia continúa "bastante por baixo" da media estatal e, aínda que non adoitan facer comparativas por comunidades autónomas, este ano poñen o foco nas substanciais diferenzas con comunidades como Madrid e Castela-León, onde aumenta.

Remarcou que todos os indicadores que compoñen a taxa AROPE (pobreza, intensidade laboral e carencia material e social severa) baixan. Aínda que todos os elementos que compoñen este indicador baixan, aos responsables preocúpanlles especialmente as elevadas taxas de persoas que non poden permitirse manter a vivenda a unha temperatura adecuada (16,6%) ou as persoas que non teñen capacidade para afrontar gastos imprevistos (26,8%).

Mellora tamén a taxa de pobreza feminina e redúcese a fenda de xénero, por primeira vez desde que se fai o estudo. Das 509.000 persoas que en 2024 estaban en risco de pobreza e/ou exclusión social, case 228.000 eran homes (uns 77.000 menos, 6 puntos) e case 281.000 mulleres (103.000 menos, 7,4 puntos).

A mesma liña segue o risco de pobreza e exclusión infantil, que diminúe a mínimos históricos da serie estudada e teñen as taxas máis baixas por grupo de idade, o 17,5 % en 2024. 

Destacou tamén que, por primeira vez, revértese a afirmación de que ter fillos é un factor de empobrecemento. E é que a taxa de pobreza nos fogares con nenos é de 15,7 % fronte ao 21 % dos fogares sen menores.

Outros datos rechamantes é como a discapacidade é un factor clave para a pobreza. Aquí a taxa de pobreza e exclusión é do 28,7 % fronte ás non discapacitadas, dun 15,8 %, case o dobre.

Outro factor de empobrecemento estudado no informe é o acceso a vivenda, concretamente o alugueiro. A poboación que vive de alugueiro ten unha taxa AROPE do 36,1 % fronte á poboación que vive en propiedade, cunha taxa do 14,8 %. Ademais, as persoas en pobreza destinan un 33,2 % dos seus ingresos á vivenda e o 22,6 % dedican máis do 40 % da súa renda dispoñible a gastos de vivenda.

Os responsables do estudo salientaron a importancia do Estado de Benestar e das diferentes administracións (autonómica e locais), ademais de entidades do terceiro sector, para diminuír estas taxas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade